A botica da expresión Rotating Header Image

Maio 20th, 2008:

Apartheid na túa boca

O apartheid foi o resultado dunha política de segregación levada a cabo en Sudáfrica durante parte do século XX. Unha época terrible para a poboación negra daquel país, que ademais, eran maioría esmagadora.

Non é a miña intención comparar a situación que vou expor con este horrendo suceso, pero se serve para introducir a situación actual dunha lingua, algo abstracto, e á vez algo real.

A lingua galega, do mesmo xeito que o catalán e o vasco, sufriu dende sempre un apartheid, mellor dito, os seus falantes sufriron unha discriminación por falalo. De forma recente, a ditadura do xeneralísimo acabou borrando do mundo “oficial” a riqueza lingüística das comunidades. Falar en galego na escola era sinónimo de levar un bo pao, e de forma similar castigaban en Euskadi ou Catalunya.

Co fin do franquismo, e a aprobación posterior dos distintos estatutos de Autonomía, como é o caso do galego, en 1981, a situación foi prosperando e normalizándose, restablecéndose o seu uso pouco a pouco, perdendo o medo de outroras épocas.

Chegando aos nosos días, pódese comprobar como en Catalunya ou Euskadi, a súa riqueza lingüística goza dunha saúde máis ou menos aceptable, ata traspasando fronteiras, como ocorreu en Francia e Andorra.

A lingua galega, con todo, segue acatarrada; un catarro que cada día empeora. Promóvense diferentes políticas e iniciativas para promocionar o seu uso, premiando e incentivando aos seus “usuarios”. Aínda así, o nivel do galego non é o mesmo que o do español. Nin tan sequera existe a un equilibrio.

Outórganse subvencións aos medios de comunicación, pero iso só serve para engordar o saco, ou dar pé a situacións grotescas, como a posición da Cadea COPE, o seu desprezo polo galego e os 20.000€ que se embolsou para -promocionar a lingua galega- entre 2005 e 2007; todo un exemplo de normalización.

O problema chega agora ás aulas, onde se pretende chegar ao 50% de ensino en cada idioma, algo malo para algúns. Pero algo necesario para conseguir que as futuras xeracións aprendan galego. Imposición chámano…

¡Que vai!; imposicións poucas. En palabras de Juan Carlos Moreno Cabrera, lingüista e catedrático da UAM, “Hai un nacionalismo lingüístico que apoia o bilingüismo sempre que o castelán domine”. Unha frase que resume perfectamente a situación de Galicia, e a probable neumonía do galego.

O 18 de Maio fornecéuselle o primeiro analxésico: 25.000 persoas percorreron as rúas de Santiago de Compostela, unha manifestación apoiada por case cincocentos colectivos sociais de todos os ámbitos, para defender os dereitos dos galego falantes na vida diaria.

 Artigo para: Tercera Información