A botica da expresión Rotating Header Image

Xuño 9th, 2008:

A arte da morte

A herexía, para o mundo cristián, era a defensa dunha opinión ou pensamento contrario ao dogma de calquera confesión considerada ortodoxa.

Aquelas persoas consideradas herexes acababan abrasados en grandes e fumarentas fogueiras no que se revelaba como unha morte cruel. Era unha arte, a arte de purificar a aquela persoa, aquel suposto inimigo do ben.

Mentres avanzan os séculos, en España aparece unha nova forma de arte: a tauromaquia, que consiste en marear a un animal, un touro, e regalarlle múltiples puñaladas con diferentes ferramentas, dende unha banderilla, ata unha lanza; un xogo macabro que só podía ser inventado polo home.

Hai quen pensará que esta comparación entre fogueira, herexía e tauromaquia é unha aberración; eu penso que non. Ambas as tradicións desenvolven unha serie de ritos: unha comezaba cun xuízo que sempre tiña o mesmo final; a outra empeza uns anos antes, cando se empeza a torturar ao touro para morrer nunha praza algún día.

Por sorte, a fogueira foi abolida, e nunca máis ninguén foi abrasado en nome a tradición e a Igrexa, para purificalo. A tauromaquia, con todo, continúa vixente. Séguese a vomitar aquel conxunto de conceptos que xustifican esta ignominia: tradición, arte, loita entre o home e o animal; aos que se engadiron conceptos e frases modernas: deporte, espectáculo…

A tauromaquia é e será o mesmo que fai 500 anos: matar a un animal por diversión, un animal que carece de posibilidades. Á vista están os números dalgúns asasinos postmodernos como Jesulín, quen afirma matar a miles de herbívoros.

E é que carece de xustificación algo que xa se presenta como un asasinato anunciado, no que supón o triunfo da arte de matar, a arte da morte.

Iso si, a xente que acode a estas matanzas públicas, dignas do Medievo, decláranse amantes dos animais; e se propomos substituír o touro por un animal para compañía as circunstancias cambian, e xa se trata dunha salvaxada. ¿Seica un touro é un animal tan pouco valioso que só o usan algúns para torturar e asasinar?

E é que custa recoñecer como unha ínfima parte da poboación española aínda se divirte, ou mellor dito, aínda se pode divertir vendo a un animal afogándose no seu propio sangue. Do mesmo xeito que custa crer como se presentan estudos que pretenden facer crer que estes animais non sofren cando están na praza recibindo todo tipo de “necedades” violentas.

Pero aínda hai situacións máis tristes; que esta violencia humana dalgúns sexa pagada cos petos de todos; e para máis “inri”, que todos vexamos como nenos de apenas 10 anos aprendan a matar a un animal; poucos escandalízanse, pero ¡ollo! Non se che ocorra porlle ao neno unha película violenta, que iso é malo; os animais que tortura e mata na actividade extraescolar é para que o neno faga deporte.

Vendida en:

Kaos en la Red 9/6/2008

Galiza Indymedia 9/6/2008

TerceraInformación 10/6/2008