A botica da expresión Rotating Header Image

Xuño, 2008:

Liberdade

Normalmente, a represión policial maniféstase contra os calificados grupos de antisistema, o movemento okupa, e mesmo entidades legalmente constituídas pero que desenvolven traballos que incomodan ó poder.

Pero, mesmo co movemento pro-dereitos dos animais, no cal estou incluído, a situación empeorou moito.

Nas últimas semanas, chegaron os nosos correos, unha mensaxe desalentadora: 10 activistas austríacos foran detidos acusados de supostos actos terroristas. Concretamente, foron acusados de tódolos actos ilegais que se cometeran en granxas, empresas relacionadas coa explotación animal, etc.

Dez persoas que loitaban e continúan a loitar polos dereitos dos animais, dez persoas gracias as cales, e gracias a moitas outras, logrouse que en Austria se prohibira a venda de coellos en gaiolas, a venda de ovos provintes de galiñas engaioladas, e que nos vindeiros días lograrían a inclusión dos dereitos dos animais na futura Constitución Austríaca.

Pero isto só é un pesadelo, cando se comeza coa criminalización dun movemento incómodo, e cando os conglomerados empresariais comezan a denunciar a todo o mundo que non se axuste o seu modelo de explotación e consumo animal…

Polo pronto, Amnistía Internacional xa denunciou a situación, e co gallo da Eurocopa, parece que non pasa absolutamente nada en Europa…

Dende este modesto blogue, o meu apoio os detidos. 

A “merda-prensa”…

Nas últimas semanas estou sendo case monotemático, e non é para menos, aínda que pido disculpas.

As touradas son posiblemente un dos espectáculos máis horrendos e asquerosos do Estado Español, e temos a mala sorte de ter este tipo de manifestacións sádicas en Galicia.

Sen embargo, do que quería falar hoxe é da merda-prensa, unha prensa escrita, en formato papel ou dixital (ou mesmo os dous), onde ten cabida a tauromaquia.

Este pasado fin de semana, sorprendinme do tratamento de La Voz de Galicia a un enfermo chamado José Tomás, unha persoa cunha profesión que se reduce a una simple definición: asasino.

Pois non contentos con adicar a crónica semanal das touradas, agora, no especial do Domingo “vendenlle” un especial (redundancia) polo seu “arte” á hora de torturar e acoitelar animais pacíficos…

Non é estrano que a merda-prensa exista en España e en Galicia,  mesmo medios de comunicación como El País, manteñen especiais sobre as touradas en Madrid, Andalucía ou Barcelona, blogues adicados 100% ó sadismo, e retransmisións en alta definición na web de El País; todo un despregue de medios para dar cobertura a esta salvaxada.

Máis, polo menos, co paso do tempo, aparece nova prensa que exclúe esta barbaridade. Un bo exemplo é Público, que naceu con vocación antitaurina. Tamén 20Minutos, que fixo un chamamento público ós internautas para saber que preferían: touradas ou non…

A mellor forma de evitar a “merda-prensa” é non comprala… porque por moito que apareza nos medios, a tauromaquia nunca será cultura, senón TORTURA

Estreo de ANIMAL, o documental, en Ferrol

 

A Asociación Animalista LIBERA! e a plataforma Stop Our Shame, invítanvos á proxección do documental Animal na cidade de Ferrol o día 4 de Xullo (venres) ás 19:00.

Animal fará o seu primeiro desembarco en Galicia con esta estrea no Ateneo Ferrolán, un espazo con capacidade para 100 persoas, e que terá un carácter gratuíto.

Mediante testemuños de personalidades, activistas pro-dereitos dos animais, políticos, etc. abórdase a cruel realidade que se esconde tras a chamada festa nacional. Un denominado espectáculo de masas, que tan só o 14% da cidadanía galega apoia.

Animal é capaz de desmontar todas as mentiras que desde o mundo taurino lánzanse, e consegue a través das imaxes, dar unha mensaxe de esperanza.

Lugar e hora:

Venres, 4 de Xullo ás 19:00
ATENEO FERROLÁN
Rúa Magdalena 202-204
Entrada gratuíta