A botica da expresión Rotating Header Image

Setembro 7th, 2008:

Coopera, xúntate. Día do Cooperante na Coruña

Mañá luns, día 9, ás 20 en punto, na Fundación Caixa Galicia; dous cooperantes galegos falarán das súas experiencias no campo da cooperación internacional e da axuda humanitaria.

É unha boa oportunidade para coñecer máis de cerca o traballo destas persoas que marchan a outro país coa única intención de melloralo.

Cooperación Galega

Copio e pego a información da páxina de Cooperación Galega, organismo encargado da cooperación internacional en Galicia.

O vindeiro día 8 de Setembro, celébrase por terceira vez consecutiva o Día do Cooperante. Preténdese así difundir e dar a coñecer o fundamental labor deste colectivo no desenvolvemento das iniciativas de Cooperación que de xeito público ou privado se financian e executan nos países do Sur.

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior co apoio de Caixa Galicia, organizou a nomeada conferencia, Na procura dos Dereitos, traballando co Sur na Saúde, que terá lugar o propio día 8 de Setembro, ás 20:00 horas, na Sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña. Están invitadas todas as persoas interesadas, e de xeito especial todos os que traballan a reo e a cotío na loita contra a pobreza: ós axentes da cooperación galega ONGD, Universidades, Sindicatos… autoridades e membros do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, así coma nesta ocasión o colectivo médico, pois se terá a ocasión de escoitar a experiencia de traballo no terreo de Victorio Torres, médico cooperante que traballa na actualidade en Kenya, e Rosa Carracedo, enfermeira cooperante en América Central.

O sector de cobertura das necesidades sociais básicas, nas que se contempla a saúde e a educación primaria é o que recibe proporcionalmente maior atención da Cooperación Galega. Aproximadamente un terzo dos orzamentos públicos da Xunta de Galicia destinados a Cooperación, apoian proxectos ou programas que tanto os axentes de cooperación, especialmente ONGD, coma a propia institución, desenvolven en África ou América Latina. A delegada provincial da Consellería de Sanidade na provincia da Coruña, Mª Ausencia Tomé introducirá aos relatores desta conferencia que está inserta dentro do Plan de Formación e Fortalecemento 2008, no que xa se desenvolveron diversos cursos de formación e que culminará coa celebración dun Foro da Cooperación no vindeiro mes de Novembro.