A botica da expresión Rotating Header Image

Marzo, 2009:

Demagoxia

Demagoxia é unha verba que provén dos gregos, e que de maneira simple, poderiamos definir como “dirixir ó pobo”. A demagoxia é unha estratexia política (na meirande das ocasións) que procura, mediante a retórica e a oratoria, dirixir o apoio popular cara un determinado punto, aspecto ou ideoloxía.

Isto foi o que pasou o pasado 1 de Marzo, cando o Partido Popular acadou con 39 escanos a maioría absoluta no futuro Parlamento Galego.

A tendencia ó luxo, o roubo de terras, a demolición da túa casa, son algunhas das ferramentas que empregou a dereita para desestabilizar o voto das galegas e galegos, que por outra banda acudiron masivamente a votar, marcando un récord histórico, máis do 70% do eleitorado chamado ás urnas.

Ben, uns poderán dicir que a demagoxia está mal, e certamente é unha forma de facer política e de facer país bastante lamentable; pero nun momento onde todo vale, para outros, a demagoxia está ben, pois serve para acadar os resultados previstos. Eu, como cidadán, non entendo como o vómito de tales barbaridades puido calar no eleitorado galego. ¿E porque non o entendo? Por unha parte porque se unha persoa gasta diñeiro público, terá que estar consignado nalgún orzamento, iso para comezar. E por outra parte, porque non creo que o Partido Popular teña outra cousa que facer que “desfacer” o percorrido durante 4 anos. E esta será a estratexia popular, e para comezar un novo argumento demagóxico, “imos vender o coche”, o famoso coche que supostamente custa máis que o carro de Obama, que xa me custa crelo…

E comprará un citröen porque tamén, supostamente, o fabrican en Vigo. ¿Que máis dará un coche francés que un xermano? Ó final comprará un citröen berlingo ou picasso, porque en Vigo non fabrican outros. Cousas da vida.

“Imos redireccionar as galescolas por unhas garderías sen carga ideolóxica”, ¿que ideoloxía podes ensinar a un pequerrecho de 0 a 3 anos? Como estudante de Traballo Social, pareceme unha aberración tal afirmación, e calqueira pedagogo diría o mesmo. Iso si, se a carga ideolóxica é o ensino en galego, o castelán é a educación en libertade. Claro, aqui comprendo xa por onde imos. O famoso mandilón, por suposto, fora, que adoutrina…

“Derogaremos o decreto de normalización”. Hai catro anos servía, agora xa non. O galego é para falar coas vacas, e como a meirande parte da poboación galega sabe falar línguas estranxeiras como o francés, inglés ou chinés; non temos porque preocuparnos, somos “multilíngües”. Novo argumento demagóxico.

“Maricón”, “maltratador”, non é demagoxia, é unha inxuria; todo valía nesta campaña, e o democrata-de-toda-a-vida Baltar tamén o sabe.

Mágoa dos resultados.