A botica da expresión Rotating Header Image

Abril, 2009:

Como estar á vangarda da protección animal, e non despeinarse

Nestas últimas semanas, as organizacións pro-dereitos dos animais estamos moi exultantes, polo que acontece no país dos nosos veciños, Portugal.

Coa Associaçâo Animal á cabeza, xa son catro os municipios portugueses que non permitirán touradas nos seus termos municipais. Viana do Castelo abreu a “lata” dun movemento que leva anos reivindicando estes valentes posicionamentos políticos.

Máis tarde caeron Braga e Cascais, duas vilas moi coñecidas, e que a partires de agora no permitirán espectáculo taurino algún. E por último, Sintra, unha vila situada moi preto de Lisboa.

Eu agardo que os movementos en Galiza non se demoren máis; a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas está a traballar a reo para acadar algún movemento político que poida declarar a primeira vila antitaurina galega. Non fai falla que teña eventos taurinos, porque en Galiza isto é residual, a pesares dalgúns e dalgunhas.

Mentras tanto, eu miro ós meus veciños portugueses, e penso que non temos nada distinto, nada nos impide ser tamén antitaurinos. Quizais os políticos sexan os que muden.

O soño da tartaruga

O ser humano é un demo para o seu propio fogar; espazo que comparte con milleiros de especies, e que poderían ser máis se non fora pola súa propia man.

Hoxe falo dunha tartaruga, pero podería ser de calqueira outro animal. Os océanos estanse a converter en auténticos sumidoiros onde os terrícolas humanos botan os seus lixos. Augas residuais, materia orgánica en descomposición, electrodomésticos, materiais radioactivos… todo serve, e parece que o mar teno que devorar como se dunha destructura de materia se tratara, como un buraco negro, o mesmo.

As tartarugas son una especie mariña que sufre especialmente a crueldade indirecta dos humanos. As bolsas de plástico, arandelas das multinacionais dos refrescos, case todo é susceptible de facerlles dano e causar, incluso, a morte.

Hai países que xa toman cartas no asunto; outros prefiren obvialo, pensando que é mellor deixalo pasar e que se solucione por solución infusa. Todo un exemplo de civismo, e unha mostra máis da debilitada intelixencia dalgúns humanos, os que a evolución lles fixo máis mal que ben.

Non somos os donos da terra, nin dos mares. Somos uns habitantes máis, dunha comunidade de veciños inmensa. E por iso, temos que actuar en consecuencia.

Hoxe son as tartarugas, mañá será calquera outra especie. ¿Deixaremola desaparecer?

A renovación

Con case un ano de vida, renovo A Botica da Expresión; non só a nivel visual (evidente), senón a nivel espiritual.

Durante o tempo de vida do blogue (ata o momento) escribín 125 entradas, cun total de 75 comentarios. Case unha entrada cada 3 días, e un comentario cada 2 entradas. Non está mal, pero penso que podería estar mellor; e con esta idea comeza a renovación.

Durante o comezo falei moito do tema dos dereitos dos animais; e continuarei a facelo. Ademáis, podo presumir de ser o único blogue en galego que aborde esta temática, a pesares de que por outra banda isto é negativo, xa que noutras linguas existe cantidade e calidade onde elixir…

A política e os dereitos humanos serán fixos, como sempre; pero creo necesario incidir no tema dos animais, posto que xa hai moitos blogues que falan dalgúns dos temas que eu tamén toco, pero que sen embargo, non falan do tema “animalista”.

Non vou ocultar que son parte interesada no tema, xa que son unha persoa activa do movemento. Por iso, creo obrigatorio falar máis de algo que me afecta directamente.

Con todo, o 2º ano da Botica da Expresión comeza o 23 de abril. Grazas a tódalas persoas que me seguides e as que non, tamén 😉