A botica da expresión Rotating Header Image

Xuño, 2009:

A Europa dos “piratas”

As eleccións europeas traen cola. Os partidos socialistas caen estrepitósamente nos 27, a dereita europea, co Partido Popular Europeo á cabeza xa suma 100 escanos máis que a segunda forza no Europarlamento. E por último, para máis “inri”, a ultradereita acada máis presenza nun organismo, que se está a dereitizar máis cada 5 anos.

A pesares disto, hai boas novas, a alianza   Verdes/Alianza Libre Europea, composta por partidos políticos “verdes” e por partidos nacionalistas, sumará 10 escanos máis, convertendose nunha forza ecoloxista con 53 asentos no Parlamento.

Outros, como NPA, o partido anticapitalista francés quedaron co 4.8% dos votos, nun empate técnico que os deixa fora do seu primeiro euroescano.

Pero sen dúbida a nova desta semana é o poder internauta, o poder dos “piratas” como lle chaman os medios e os políticos aguerridos, o Pirat Partiet; un partido sueco que acadou o 7.1% dos votos e a presenza no Parlamento Europeo. É unha demostración de que no tocante á rede e ás Novas Tecnoloxías, os partidos non están traballando nada ben.

O propio software libre vai pasar unha época escura nos próximos anos en Galicia, cunha Xunta pro-patentes e pro-microsoft, que permitirá a compañía norteamericana botar por terra boa parte do traballo desenvolvido de xeito case gratuíto por numerosas persoas, moito máis barato para o peto dos cidadáns que o “Güindous” e o “Ofis”

Populismo veciñal

Hoxe nos medios están a saír novas sobre a intención dunha asociación de veciños da Coruña que quere instaurar patrullas veciñais para disuadir á cidadanía de acceder a certos locais públicos durante a madrugada, os chamados “after-hours”. A proposta desta organización destila un profundo populismo cara a política municipal, e unha falta de respeto polas institucións públicas.

Unha asociación de veciños que sigue os pasos da ultradereita de Unión Coruñesa e a súa teima co toponimo, ou que forma parte de plataformas ou mesas de unidade que revitalizan algo tan inútil como o “coruñesismo”, unha maneira de patriotismo local achegado ós postulados de Sir Francisco Vázquez, porque otra Coruña non existe para eles.

Agora resulta que piden reunións co delegado do goberno, Antón Louro, para esixir o que xa esiximos ós cidadáns e as cidadás coruñesas, cos nosos impostos: SEGURIDADE. Pero non se entende moi ben que sentido teñen a vixianda policial ó estilo paramilitar de moitos países bananeiros e africanos. ¿Disuadir, intimidar, menosprezar ás forzas de seguridade?

Co galego outro tanto, e como dicía, seguindo as teses de Unión Coruñesa, que se resumen moi ben nunha frase: “volta atrás”. Se botamos unha ollada as súas declaracións nos últimos anos, queda claro que esta organización veciñal ten os pes noutro planeta, e ben podian vivir ó carón da Casa de España en Roma, co seu benquerido embaixador.

Tovdaía non os escoitei protestar pola carencia de espazos cívicos e socioculturais na zona, ou porque os traballadores de Tranvías da Coruña non poden ter mellores soldos, pero iso, xa é outra cousa; a eles vailles o populismo veciñal.

Gandería de destrución masiva

Un recente informe elaborado por un eurodeputado sueco e un xornalista experto en Ciencias Sociais advirte do crecente problema que supón a gandería para o cambio climático. Este estudo únese aos xa presentados polo IPCC (Panel Intergobernamental contra o Cambio Climático), liderado polo Nobel da Paz Rajendra Pachauri.

O cambio climático é unha evidencia, e os seus efectos xa se están empezando a notar antes do que se pensaba. Os cidadáns españois comezan a concienciarse do efecto que ten sobre o planeta o uso do coche, a calefacción demasiado alta, a produción de electricidade con combustibles fósiles Pero aínda non relacionaron a gandería, os seus gases e o planeta.

O recentemente presentado informe sobre a gandería e o planeta, titulado “A gandería e o clima: a UE empeora o malo”, volve pór sobre a mesa o eterno debate sobre o consumo de carne, a cría de gando e os recursos que iso supón.

Non é un informe innovador pola temática que aborda. Xa en 2006 a FAO (Food and Agriculture Organization) presentou “A longa sombra do gando”, un complexo estudo sobre a cría do gando e os seus efectos ambientais. Con todo, moi poucas persoas déronse conta da relación.

O consumo de produtos cárnicos aumenta a un ritmo alarmante, co consecuente aumento das explotacións gandeiras, e o que iso leva. Referímonos a un aumento da deforestación, maior consumo de auga, das emisións derivadas do transporte, e de algo practicamente descoñecido ata a data: as emisións de metano e dióxido de carbono causadas polos animais.

Poderá soar a chiste, pero as flatulencias do gando mundial representan o 18% das emisións de gases invernadoiro en países como Reino Unido. En Galicia, por exemplo, aumenta ata o 20%. E é que o metano, aínda emitido en menor proporción que o dióxido de carbono, é ata 20 veces máis nocivo que este. Por iso países como Dinamarca ou Estonia obrigan ao pago dunha eco-taxa aos gandeiros, do mesmo xeito que xa pagan os cidadáns polos seus vehículos, ou as industrias polas súas emisións.

Rajendra Pachauri, presidente do IPCC, afirmou en 2006 que deixar para comer carne durante un día á semana tería un efecto ambiental máis positivo que prescindir do coche durante os 6 días restantes. A defensa do planeta empezaría, pois, polo prato.