A botica da expresión Rotating Header Image

Xullo 13th, 2009:

Traxes

A polémica dos traxes e dos pagos continúa, como unha triloxía de thriller oscuro. Hai moitos filmes que quedarían cravados para este tema. Francisco Camps, presidente da Generalitat de Valencia, ten uns problemiñas coa súa roupa. Problemiñas económicos, mellor dito, de intercambios e regalos.

Agora que o señor Camps xa é acusado oficial dentro da trama “Gürtel”, por un presunto delito de “cohecho” (a traducción ó galego queda en “cofeito”, aínda que prefiro “chouriceo”), o Partido Popular muda de estratexia constantemente, os primeiros días parte dos seus dirixentes abstíñanse de facer declaracións, e horas despois defendían de novo a Milano Bonito, como o define á perfección Nacho Escolar; pero cunha defensa siciliana, restando importancia á situación.

Facer regalos ós políticos non está mal, calqueira persoa que queira pode facerlle un presente ó político que prefira, como fai o presidente de Cantabria coas dichosas anchoas. O que xa é relativo é regalar cousas cunha contraprestación, cun fin corrupto. E isto pode ser o que pasa (presuntamente) en Valencia, e noutras partes do Estado, chegando ata Galicia, coa trama “Gürtel”.

Non pode sorprender que o Partido Popular, en verbas da alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, apoie a despenalización dos regalos á clase política. Igual que tampouco sorprende que varios dos seus deputados en distintos parlamentos autonómicos teñan acusacións semellantes ás de Francisco Camps.

E non se enganen, a corrupción só vai con algúns, non con todos os políticos, previndo xa a consabida frase “todos son iguais”. Pero o surrealista é que isto non custa votos, ¿que moral terán algúns votantes? ¿a mesma que co dereito o aborto e a súa insidia coa liberdade de exercelo? Outros inventan a demisión transitoria, último “hit” na política.