A botica da expresión Rotating Header Image

Xullo, 2009:

Leis para uns… para outros non tanto

Non é un tema doado, sobre todo porque continúa cocendo durante moitos anos, e porque as sensibilidades están tinxidas, en moitos casos, pola sangue de persoas inocentes.

Sen embargo, o que me molesta moito é a hipocrisía daquelas formacións políticas, que, baixo a excusa dunha lei de partidos, esixen sempre criticar os actos violentos dunha banda, pero calan cando os actos os comete a outra banda. Falo das contínuas manifestacións da ultradereita polas rúas das cidades, dos ataques contra persoas migrantes, como ocorreu recentemente na Coruña, dos asaltos armados a centros sociais en Redondela…

A organización “Movimiento contra la Intolerancia” fixo público un estudo, o Informe Raxen, onde se detecta un aumento importante dos ataques xenófobos, unha advertencia para ter en conta no futuro, sobre o propio futuro que están a crear algúns, e coa Lei de partidos polo medio, claro.

As condenas da violencia teñen que saír de todas as bocas..  A violencia ten que condenarse sempre, nunca existe, nen existirá xustificación posible. É necesario ilegalizar a ultradereita e as ideas neofascistas, seguindo o exemplo doutros países de Europa, que xa penan as consignas cara dictadores ou a compra de certa simboloxía radical.

“O Capricho”, capítulo I

No ano 2004 fíxose público un estudo sobre a implantación da simboloxía franquista nas vilas de diferentes puntos do Estado. Tal investigación anunciaba que a cidade da Coruña era a “capital” da simboloxía dictatorial. Unha vila de 245.000 habitantes era a que tiña máis rúas e simbolos adicados a sublevados, asasinos e heroes varios dunha das épocas máis escuras da Historia.

O capitulo I da resposta a este estudo saiu hoxe en La Opinión de A Coruña. Pero é o capítulo oficial, pois nos borradores dos autores: a “Asociación de Veciños El Ensache”.

Evidentemente estou a xogar co texto, esta entidade non respostou ó estudo, senón que calificou de “capricho” cambiar os nomes de varias rúas da Coruña para cumplir cos requisitos da Lei de Memoria Histórica, aprobada por maioría no Congreso dos Deputados, ese organismo que nos representa a tod@s, ou alomenos ós que nos consideramos demócratas.

Ben, á “Asociación de Veciños El Ensanche” parécelle un disparate cambiar os nomes das rúas e avenidas, porque cren que é mellor seguir recordando o José Sanjurjo, xeneral que participou en ata 3 golpes de Estado, ou Millán Astray, fundador da Lexión e coñecido falanxista nado na propia cidade.

Permitir que unha organización veciñal, que saberán eles a quen representan, se mofe da represión e do sufrimento dalgúns é intolerable; e aínda peor, permitir que unha entidade faga uso dos medios para pedir a non realización dunha Lei lexítima, que, a pesares de todo, nin tan sequera contempla o recoñecemento os maquis e partisanos que loitaron contra a ditadura…

Provócanme auténticos vómitos as declaracións do señor Crespo, falando de que é o que preocupa máis á veciñanza, o mesmo que clama contra o galego, ou o mesmo que tiña pensado crear patrullas cidadás paramilitares o máis puro estilo da Falanxe.

Un tipo que fala da crise económica cando todavía existen ducias de familias que non saben onde están os seus parentes fusilados, e ademais ten aínda a falta de ética para ameazar de que encherán os xulgados con denuncias; ¿pero denuncias de que? ¿a quen? ¿por facer cumprir unha Lei? ¿por dar exemplo e retirar honores ós asasinos e golpistas?

Lástima de sistema xudicial, que ampara unha liberdade de expresión que atenta contra os principios da democracia; e lástima de sociedade que ampara a individuos nostálxicos da sangue e da represión.

Traxes

A polémica dos traxes e dos pagos continúa, como unha triloxía de thriller oscuro. Hai moitos filmes que quedarían cravados para este tema. Francisco Camps, presidente da Generalitat de Valencia, ten uns problemiñas coa súa roupa. Problemiñas económicos, mellor dito, de intercambios e regalos.

Agora que o señor Camps xa é acusado oficial dentro da trama “Gürtel”, por un presunto delito de “cohecho” (a traducción ó galego queda en “cofeito”, aínda que prefiro “chouriceo”), o Partido Popular muda de estratexia constantemente, os primeiros días parte dos seus dirixentes abstíñanse de facer declaracións, e horas despois defendían de novo a Milano Bonito, como o define á perfección Nacho Escolar; pero cunha defensa siciliana, restando importancia á situación.

Facer regalos ós políticos non está mal, calqueira persoa que queira pode facerlle un presente ó político que prefira, como fai o presidente de Cantabria coas dichosas anchoas. O que xa é relativo é regalar cousas cunha contraprestación, cun fin corrupto. E isto pode ser o que pasa (presuntamente) en Valencia, e noutras partes do Estado, chegando ata Galicia, coa trama “Gürtel”.

Non pode sorprender que o Partido Popular, en verbas da alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, apoie a despenalización dos regalos á clase política. Igual que tampouco sorprende que varios dos seus deputados en distintos parlamentos autonómicos teñan acusacións semellantes ás de Francisco Camps.

E non se enganen, a corrupción só vai con algúns, non con todos os políticos, previndo xa a consabida frase “todos son iguais”. Pero o surrealista é que isto non custa votos, ¿que moral terán algúns votantes? ¿a mesma que co dereito o aborto e a súa insidia coa liberdade de exercelo? Outros inventan a demisión transitoria, último “hit” na política.