A botica da expresión Rotating Header Image

Agosto 15th, 2009:

12 de Agosto de 1975

Corre o 1972 e acentuase a represión sobre a clase traballadora galega. En Ferrol por impacto de bala morren os traballadores Amador Rei e Daniel Niebla. Feito que daría lugar ao “10 de marzal. Día dos obreiros heroicos”, antecedente do que hoxe coñecemos como Día da Clase Obreira Galega. Moncho desde a UPG está na coordinación dun dosier, de grande interese, no que se expuñan e denunciaban os feitos. Aliás, neste tempo é de grande importancia a súa relación con destacados integrantes do grupo Organización Obreira, tentando, mesmo, a súa inclusión na Fronte Obreira da UPG.

Polo seu compromiso coas mobilizacións Moncho é expedientado e expulsado de Barreras. De esta empresa marchará a Álvarez, tamén en Vigo, e ao pouco, xa sen vinculación cos estudos rematados, sen bolsa, marchará para A Coruña. Moncho, membro do comité central da UPG e do seu comité executivo, sabía que era preciso artellar noutros puntos da xeografía galega pequenas estruturas de obreiros (xermes sindicais) e simpatizantes e militantes nacionalistas. Así se convén a nivel partidario asumindo Reboiras, xunto a outros compañeiros e compañeiras, unha responsabilidade crucial. Un traballo que cristalizará na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) no ano 1975. Moncho, sen dúbida, era un militante que ficaba na vangarda.

Neste senso e tras decidir a UPG aprofundar en ‘formas de loita máis avanzadas’ (sic), Reboiras participa da creación dun grupo operativo de acompañamento das loitas populares e da ‘expropiación’ de material para dotar de infraestrutura ao nacionalismo na altura, de cara a súa acción política; aportando medios necesarios dos que carecía o ‘aparello de propaganda’ da devandita organización.

Os corpos represivos da ditadura franquista sabían das accións e dotes organizativas de Moncho. Así foi que atopándose en Ferrol, a policía cerca a vivenda na que se achaba Reboiras con dous camaradas á tardiña do 11 de agosto. Na madrugada do 12 de agosto axentes da Brigada Político Social, xunto a máis de 300 axentes da policía armada, rodean o domicilio onde estaban os tres militantes da UPG.

Moncho, diante deste contexto, centra nel a atención da policía para deixar paso libre aos seus dous camaradas, que así lograrían fuxir, pasando el a outro edificio a través dunha claraboia. Xa ao pé do portal destoutro edificio, na rúa da Terra, Moncho era acribillado a tiros, un deles na caluga, segundo información médico.

Texto extraído de: CIG / Galipedia

Imaxe: CIG / Vieiros

Esta é a miña humilde homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras, militante político asasinado no ano 1975 pola policía. Moncho foi recentemente rehabilitado en virtude da Lei de Memoria Histórica, 34 anos despois do seu asasinato, o Goberno español asinou o seu Certificado de Reparación Persoal.