A botica da expresión Rotating Header Image

Agosto 20th, 2009:

A protección animal en Galiza

Hoxe é o Día do Animal Abandoado, unha data creada para homenaxear os centos de miles de animais que cada ano acaban nas nosas estradas pola desidia dalgúns suxeitos cuase-humanos, non teñen outro calificativo.

Neste día, a Asociación Animalista Libera! fixo unha valoración da protección dos animais nas terras galegas, por suposto, unha valoración bastante negativa do que supón unha das comunidades menos protectoras cos seres vivos. A continuación reproduzo parte da nota de prensa.

A resposta dos medios de comunicación foi moi boa, e poderedes ler a nova en galego en Galicia Hoxe, Galiciaé Vieiros, El Correo Gallego, De Luns a Venres ou GZnación. En castelán a tendes tamén en La Opinión A Coruña, El Progreso, Diario de Pontevedra, El Correo Gallego, ABC e  Qué!.

Moi poucos concellos galegos cumpren a lei de protección animal.

Asociación Libera advirtiu esta mañá, nun comunicado, do “incumprimento das obligacións” na protección dos animais e a “deixadez” das corporacións locais na implantación de servizos de lacería ou centros de acollida de animais, imprescindibles “para levar a cabo unha efectiva labor de recollida de adopción dos animais abandoados”.

Como explica a nota remitida aos medios de comunicación, a Lei 1/93 de Protección dos Animais domésticos e Salvaxes en catividade da comunidade autónoma de Galicia foi promulgada en 1993. 18 anos despois, con cambio no goberno da Xunta de Galicia incluído, o cumprimento da Lei todavía non acada a totalidade dos municipios galegos.

O responsable para Galicia do colectivo animalista, Rubén Pérez, recordou alguns exemplos como o caso do Concello de Negreira, que en 2008 colaborou na organización dun festexo taurino, e perante o requerimento dunha asociación protectora de animais de Santiago, a corporación admitiu non cumprir coa lei por falta de diñeiro e medios.

“É unha indecencia antepoñer cuestións económicas ó cumprimento da leis; os concellos aproban os orzamentos en pleno, e ademais están obrigados a contratar e facilitar certos servizos”. Engade Rubén Pérez.

Outros dos casos que ofreceu a asociación é o do Consorcio das Mariñas, que aglutina nove concellos da provincia da Coruña, dos que só Arteixo conta con servizo de lacería; pero ningún dispoñe de centro de acollida de animais.