A botica da expresión Rotating Header Image

Setembro 8th, 2009:

Ferve a rede contra as touradas

Hai unhas horas, apareceu na rede unha páxina web chamada “YoTampoco.org” na que invitan a facer a primeira foto manifestación contra a tauromaquia. Mediante un mapa de España, os internautas poden enviar as súas fotografías e aparecer na provincia onde residan, sempre que llo digas, senón, a saber onde acabas.

Esta é a ultima das orixinais campañas que o movemento antitaurino crea para contrarrestar o poder do lobbi da industria taurina. Por suposto, adoitan ser campañas non só orixinais, senón máis baratas e que chegan á xuventude, ao contrario que fai a propia industria taurina, que cada vez máis, sofre un acusado descenso de asistencia e un irremediable aumento da idade media do “afecionado”.

A tauromaquia é evidente que ten os días contados, pero faltan políticos, falta unha clase política capaz de marcalo camiño. Si que existen políticos contrarios ás touradas, e algúns deles están en Galicia; e seica a súa posición ideolóxica é unha excusa para desprestixiar as súas ideas de respeto cara os animais, curiosamente o único argumento dunha industria que en Galicia, apenas move cartos se non é polo noso diñeiro, os cartos dos cidadáns.

Volvendo á campaña e a páxina web, da que non se sabe a autoría, completan a acción cun video viral incríble, chamado Quirófanos“.

“YoTampoco.org” únese á ILP catalana “Prou!”, que nestes días vai pasar a primeira votación no Parlament catalán, e a plataformas máis coñecidas polos galegos e galegas como “Galicia, Mellor Sen Touradas”. As touradas ferven a sangue da xente, pero tamén a rede.