A botica da expresión Rotating Header Image

Outubro 14th, 2009:

O neoliberalismo cultural

Algúns xornais autoconsiderados galegos teñen na súa plantilla unha serie de persoas que dificilmente entrarían na definición de seres humanos normais. Son seres humanos alleos á coxuntura económica e que aproveitan calqueira movemento, por cutre que pareza, para alabar sen tapuxos a un goberno, o actual da Xunta de Galiza, que non se está a destapar como austeiro precisamente.

Falo dunha columna dun catedrático de Dereito Constitucional nun coñecido xornal, moi vendido e moi subvencionado, por certo; e que daría moito que falar se tiveramos que atinxirnos ás desproporcionadas axudas que reciben certos medios de comunicación para promocionar a lingua galega, e que logo quedan na portada traducida o Día das Letras Galegas ou en incluír un tradutor automático (e bastante malo) na súa páxina web.

A teórica suspensión do concerto de U2 en Vigo, co estadio de Balaídos como escenario da xira 360º Tour do grupo de Bono, fai a ledicia dos neoliberais, tan preocupados polo gasto público, máis preocupados polo interese persoal.

Un concerto que custa tres millóns de euros, como comenta o señor Blanco Valdés é efectivamente un gasto moi grande de diñeiro público, pero é complicado que este profesor de universidade poida centrarse no aspecto socioeconómico que supón unha manifestación musical desa categoría, e as repercusións positivas que podería ter para Galiza albergar un concerto que agora acabará en Donosti con toda probabilidade. O diñeiro pódese acadar con patrocinios, coa venda de entradas e de mil formas distintas sen ter que calificalo de despilfarro e sen ter que asumilo, por suposto a Xunta. Outra cousa sería que dito concerto servise como plataforma de difusión do Xacobeo2010 que creo era a intención do anterior goberno que asinou o pre-acordo.

Pero falando de gastos superfluos, molestame moito que os neoliberais culturais non ataquen ao festexo máis subvencionado de todos, e que en Galiza leva uns cantos miles de euros: as touradas. Este 2009 a tauromaquia na Coruña supuxo o 10% do presuposto das festas de Maria Pita, e só albergou a 11.000 persoas, polo case millón de cidadáns que pasaron pola Coruña durante o periodo das festas. Un 10% do diñeiro por ao redor dun 1% da asistencia. Un auténtico e claro caso de neoliberalismo aplastante. Unha subvención a fondo perdido que Blanco Valdés nen o seu xornal mencionan nunca, e que supón un pitorreo aos cidadáns; e iso todavía sen falar do que supón maltratar a un ser vivo por divertimento.