A botica da expresión Rotating Header Image

Outubro 19th, 2009:

Dignidade

Un 18 de Outubro, deceas de miles de persoas marcharon polas rúas de Santiago cheos de dignidade, cansos da intrasixencia dalgúns, e con moitas ideoloxías diferentes baixo os brazos.

Bloque Nacionalista Galego, Partido dos Socialistas de Galicia, Esquerda Unida e Terra Galega, entre outros, apoiaron a manifestación pola defensa da nosa língua en Santiago de Compostela, capital galega. A Policía Local cifrou en 50.000 os seres humanos que marcharon, a organización 100.000. Sexa un número ou outro, mellor poñamos unha cifra equidistante, trátase dunha novidade dos gobernos do Partido Popular, que sempre son capaces de aglutinar á sociedade galega para protestar polas súas políticas caducas e decimonónicas.

Unha praza da Quintana dúas veces ateigada, os discursos de destacadas personalidades da cultura galega, e un Avelino Pousa Antelo con moito mérito baixo o sol, e rememorando as súas conversas con Castelao. E é certo, o PPdeG sabe como enfadar á sociedade galega, as galegas e galegos que saímos neste 18 de outubro a defender a nosa língua, a defender os nosos direitos e a berrar nin un paso atrás na defensa dunha parte moi importante da nosa personalidade e cultura como pobo.

O día 18 deu igual a quen votabas e de que pao ías, todas e todos berramos polo galego, e que vaian tomando nota no Parlamento galego, a paciencia acábasenos.