A botica da expresión Rotating Header Image

Outubro, 2009:

Tentarán sacar tallada

A situación de Penamoa, un poboado chabolista na Coruña é cada vez máis surrealista. As contínuas manifiestacións dun sector do barrio do Ventorrillo, a zona urbana máis cercana ao poboado son bastante continuas, e sempre auspiciadas dende sectores escuros dunha asociación de veciños.

Non sei os motivos reais das protestas; se é a droga, se é a integración ou se simplemente é xenofobia. Isto acentouse hoxe cando chegou ao meu poder un pasquin dun partido político coas súas propostas sobre a droga, como se houbese propostas por mencionar, claro.

Non debería ter problema máximo, pero o quid da cuestión é o partido. O MSR, Movimiento Social Republicano é un partido de ultradereita, un núcleo non minoritario, senón marxinal, que aproveita a conxuntura dunha zona degradada para promovelo racismo e as súas ideas revolucionarias, aquelas que promoven a expulsión das persoas migrantes, rexeitan aos homosexuais, etc etc Que vou contar da ultradereita?

Tampouco é sorprendente que o autodenominado blogue do barrio, acostumado a criticar ao BNG e outras posicións de esquerda, e que non ten por qué reflexar a opinión xeral dunha zona da Coruña, auspicie o reparto destes pasquíns. Entendo que se de verdade o administrador dese blogue quixera promover a integración, non colaboraría dando soporte publicitario ás ideas caducas e máis negativas de sectores reaccionarios. A entrada (na bitácora) prodúxose o día 26 de Outubro, e onte 28 obtiven o “prezado” folleto coas innovadoras propostas da ultradereita contra a droga.

Entre algunhas delas, destacaría a creación dun organismo anti-droga con persoal do Exército, ou o abandono da metadona como subtitutivo.

Eu, coma estudante de Traballo Social, teño auténticos espasmos estomacais coas propostas, xa que entendo que unha verdadeira intervención a prol das persoas que sufren procesos de dependencia ou toxicomanías, non pode pasar pola criminalización e desleixo dun sector da sociedade. Igual pensarán as familias e amigos destas persoas, seres humanos que tamén sufren vendo a un parente ou amigo atrapado por algunha das múltiples substancias perniciosas.

Non se pode permitir que a ultradereita saque tallada de Penamoa, e menos que dende os medios non convencionais, como son os blogues, se faga apoloxía deste tipo de ideas, de aqueles que provocaron unha guerra civil e o fusilamento  e exilio sistemático de miles de persoas.

O populismo barato xa o podemos deixar para Silvio Berlusconi e as súas artes amatorias (con ou sen escarlatina), pois en Galiza non caben ideoloxías violentas. Non se pode xogar con circunstancias e menos co pensamento da xente.

Os intereses ocultos

Fai tempo que non falo dos dereitos dos animais, e a recente solta de visóns en Galicia, unida á solta feita en Soria, obríganme a facer unha serie de puntualizacións, que xa fixen en público, para Xornal de Galicia,  pero que é necesario extender; xa que é un tema controvertido que sen embargo non obten a atención mediática (e social) necesaria se non fora por estes actos.

Hai que mirar máis alá das soltas, do que posiblemente podería ser cualificado como acto vandálico e mirar fronte a unha industria baseada na sangue, e sobre todo, baseada na inutilidade de facer artigos con peles, cando no século XXI existen unha grande variedade de alternativas máis respetuosas cos animais.

Cando se falan das soltas desta semana pasada non se fixo unha reflexión, ao meu parecer imprescindible, e que moitos medios de comunicación pasaron por alto. Ceibaronse visóns europeos, que ao fio do argumento dun ecoloxista sería que o “visón europeo é unha especie ameazada e é pouco lóxico crialo para matar se só quedan ao redor de 500 exemplares en España”. É unha afirmación aplastante, e fácilmente refutable.

Os intereses escuros comezan cando hai case 9 anos o Ministerio de Medio Ambiente cataloga ao visón europeo como especie ameazada, no Catálogo Nacional de Especies Amenazadas a versión en España da Lista Vermella da UICN. Ben, e digo que comezan estes intereses turbios, pois no apartado adicado ao visón europeo, aparece o peche das granxas peleteiras de visón americano como punto básico para garantir a supervivencia do seu colega europeo. Ata o dia de hoxe ninguén, ou moi pouca xente reparou nisto. Unha recomendación explícita de peche, ao igual que ocorre no Reino Unido, Austria ou Irlanda onde as granxas prohibironse hai anos.

Interesante é tamén o caso de Italia, que a pesares de non prohibilo explícitamente, ten unha regulación tan dura que aos peleteiros non lles compensa establecer granxas neste territorio.

Só queda ver como se desenvolve a situación en Galiza, porque desgraciadamente só estes actos son capaces de devolver o debate á sociedade sobre a conveniencia, primeiro do uso de peles e segundo de seguir mantendo granxas de crueldade.

Aínda que non deixa se ser de auténtica oligofrenia que os cazadores condenen estas accións, sabendo en que se basea a súa actividade…

Dignidade

Un 18 de Outubro, deceas de miles de persoas marcharon polas rúas de Santiago cheos de dignidade, cansos da intrasixencia dalgúns, e con moitas ideoloxías diferentes baixo os brazos.

Bloque Nacionalista Galego, Partido dos Socialistas de Galicia, Esquerda Unida e Terra Galega, entre outros, apoiaron a manifestación pola defensa da nosa língua en Santiago de Compostela, capital galega. A Policía Local cifrou en 50.000 os seres humanos que marcharon, a organización 100.000. Sexa un número ou outro, mellor poñamos unha cifra equidistante, trátase dunha novidade dos gobernos do Partido Popular, que sempre son capaces de aglutinar á sociedade galega para protestar polas súas políticas caducas e decimonónicas.

Unha praza da Quintana dúas veces ateigada, os discursos de destacadas personalidades da cultura galega, e un Avelino Pousa Antelo con moito mérito baixo o sol, e rememorando as súas conversas con Castelao. E é certo, o PPdeG sabe como enfadar á sociedade galega, as galegas e galegos que saímos neste 18 de outubro a defender a nosa língua, a defender os nosos direitos e a berrar nin un paso atrás na defensa dunha parte moi importante da nosa personalidade e cultura como pobo.

O día 18 deu igual a quen votabas e de que pao ías, todas e todos berramos polo galego, e que vaian tomando nota no Parlamento galego, a paciencia acábasenos.