A botica da expresión Rotating Header Image

Novembro 12th, 2009:

Ele

De novo a polémica máis esteril da política galega, ou polo menos, unha das máis inútiles e demagoxias da democracia. O toponimo da Coruña volve ao “tatami” da man do Partido Popular e de Unión Coruñesa, entre outros, pois unha federación veciñal tamén considera que este problema, para algúns, é obxeto dun clamor popular; eu sinceramente non penso tal.

O negativo da cuestión, e da actuación da federación veciñal é que consultaron a proposta co seu embigo. E por iso xa xurdiron 5 asociacións de veciños que rexeitan a proposta de recollida de sinaturas a prol da ele no topónimo, aquela que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza eliminou rotundamente, sentando xurisprudencia e rematando coa teima que naquel entón tivera Paco Vázquez e o LaLaLa…

Unión Coruñesa e o Partido Popular pouco teñen que comentar. Uns non teñen representación no Concello, aínda que si, e moita, nalgún medio de comunicación, como se representaran a alguén. Unha operación mediática continua dende as eleccións municipais de 2007, e que procura que entre no consistorio polo menos Carlos Marcos, ex-candidato do Partido Galeguista, agora lider indiscutible da demagoxia e o populismo local.

Os outros poucas propostas teñen, teimando coa integración das persoas residentes en Penamoa, ou mentindo sobre as propostas da Xunta, que agora que os amigos chegaron ao poder, todo se fai ben.

De momento temos unha iniciativa lexislativa popular para decidir sobre o topónimo da Coruña, é dicir, en termos democráticos e populistas poderíamos dicir que sobre o ele pode decidir un de Sarria ou outro de Vilagarcía. Necesitan 15.000 sinaturas, nada complicado vendo os requisitos en Cataluña, onde se requiren 50.000. Queda por ver que pasaría coa ILP no Parlamento de Galiza. Unha excusa perfecta do Partido Popular para asasinar definitivamente ao galego e a lexislación que o ampara.

Dende logo, esta polémica extinguíuse hai anos, e seguir co mesmo só podería ter tintes eleitoralistas e de racismo lingüístico. Non podemos permitir que a democracia ampare manifestacións alentando á subversión das leis e dos decretos aprobados soberanamente no Parlamento galego. A ILP non vai saír da rúa, porque é unha clara mostra da insumisión lexislativa dalgúns túzaros.