A botica da expresión Rotating Header Image

Novembro, 2009:

Filoloxía avanzada para puristas

Filoloxía pura e dura, leccións de coñecemento do noso gran presidente, Alberto Nuñez Feijóo. Segundo este grande estudoso da cultura e língua galega, os partidos que deixaron o poder do goberno da Xunta de Galiza, agora tentan “revolver” ás rúas e vilas na procura da imposición. Como o PSdG-PSOE e o BNG perderon nas urnas, agora segundo o actual presidente da Xunta, queren forzar as súas ideas impositoras; pero o que non cita este erudito é que a suma da oposición ten máis votos que a lista máis votada, o Partido Popular; paradoxas da democracia participativa.

Non é cuestión de politizar a língua máis do que xa a politizou a dereita, e o populismo de UPyD, renovando cada semana o debate insulso e a polémica estéril da defensa da língua e do extermino case programado nesta lexislatura.

Non hai unas políticas e outras cara o galego. Se existe unha lexislación relativa que protexe a permanencia desta língua e accións que promoven o seu uso, non hai que romper o consenso. Lóxicamente isto non é o que pensa Alberto, e menos o que pensa parte do Partido Popular. Se hai unha lei, podemola derogar; se non existe, pois a creamos e para máis demagoxia, facemos unha consulta aos país… un referendo amparado pola manga da súa chaqueta, claro.

Relacionar o empobrecemento lingüístico, termo innovador na súa retórica, coa língua galega é cando menos tendencioso. Pois non podemos olvidar que o actual decreto, próximamente derogado, instaba ao goberno a favorecer o uso do galego nas aulas cun 50% das materias en cada língua oficial. A pesares diso, moitos rapaces e rapazas teñen o 90% das súas materias en castelán ¿e isto non é empobrecemento?

Nunca se viu ata agora un rapaz que non soubera falar castelán, pero xa hai casos de “incompetentes” lingüísticos en galego, e o problema só crece. Hai que garantir o dereito a estudar en galego, como língua, non como vestixio histórico-cultural da nosa terra.

Son uns máis ca outros, ou como os pesqueiros escravizan a algúns traballadores

Non saíu ningures. Ou parecía non importar, ou a súa vida valía menos ca dos secuestrados. Falo do Alakrana, o barco secuestrado durante 47 días no océano índico por unha banda de ¿piratas? somalíes, e que finalmente foi liberado ao pagar ao redor de 2,3 millóns de euros, unha minúcia, si.

Pero a base desta entrada é o valor que dan os medios de comunicación convencionais á vida dalgúns seres humanos, un valor que tende a cero, pola contra dos mariñeiros galegos e vascos, cun valor tendente ao infinito. Situación inxusta e ata xenofóbica.

A organización “Herederos de la Mar” denuncia que un traballador de Costa de Marfíl cobra pouco máis de 120€ ao mes por desempeñar a súa labor nun barco español, e seguramente cunha bandeira de conveniencia. Unha realidade triste e que tería que obter algún titular nun mass-media, pero como non é importante, só é un “morto de fame”, pois non o imos sacar…

Esta é a realidade de moitisimos seres humanos que traballan no mar en barcos e naves con tripulación española, e en moitas ocasións, de armador español. Fai pouco, nunha canle de televisión estatal, saía a dura vida dos mariñeiros españois nos océanos do mundo, e o patrón da embarcación, dicía sen pudor que o seu cociñeiro, un rapaz de orixe africana cobraba 400 euros. Si, 400 parece ata un soldo importante para algúns países africanos; pero o soldo dos 400€ dividíase nos 3 meses que saía ao mar o barco. É dicir, unha mostra máis da que denuncia “Herederos de la Mar”, e unha situación cotiá.

Non se poden permitir vexacións económicas coma as expostas hoxe; se realmente queremos esquilmar os caladoiros de países subdesenvolvidos ou envoltos nun desgoberno case permanente como o caso de Somalia, o de menos non pode ser explotar a esas persoas que se procuran a subsistencia. Persoas de Filipinas, Malasia, Cabo Verde, Costa de Marfíl, Togo, rexións pouco favorecidas pola globalización e cun pobo que tradicionalmente saiu ao mar.