A botica da expresión Rotating Header Image

Ciencia infectada

Resposta ao artigo «Comerse una rata» de Jose Ramón Amor Pan, teólogo e columnista de La Coz.

En resposta ao artigo do sr. Amor, en relación aos dereitos dos animais, teño que dicir que tales afirmacións supoñen un xeito sesgado e simplista de interpretar a realidade.

Cando fala da experimentación en animais, a súa análise é certamente acientífica, invitando a pensar que a experimentación en animais non humanos é necesaria para o avance da propia ciencia e o coñecemento. Non obstante, habería que incidir na gran cantidade de erros e fracasos que tal eido acumula.

Así, podería recordalle ao señor Amor o caso do Talidomida, famoso medicamento empregado nas mulleres embarazadas para controlar as náuseas, probado en ratos e cobaias, que provocaría máis de dez mil nacementos de bebés con mutilacións. E iso que os experimentos cos animais non ofreceran problemas. Ou o Propulsid, un fármaco para tratar refluxos gástricos en poboación infantil, que provocou máis de douscentas mortes debido as alteracións cardíacas que producía. E sen embargo ningún estudo con ratos ofrecera tales complicacións.

A experimentación en animais é unha lucrativa industria que condea a millóns de animais a sufrir crueis investigacións e probas para que logo o oligopolio da saúde e da ciencia poidan obter cuantiosos beneficios e axudas estatais. Xa existen métodos alternativos e substitutivos eficaces e validados por institucións europeas, pero semella que non interesa…

A ética máis básica propugna a fin da vivisección, da crueldade enmascarada de ciencia. O sentido común é deixar de verter químicos nos ollos dos coellos, de diseccionar a cans e gatos todavía vivos, de obrigar a macacos a inxerir substáncias tóxicas. A ciencia é progreso, non reproducir sistemáticamente accións de seculos pasados.

Os comentarios están pechados.