A botica da expresión Rotating Header Image

Vangarda

O venres pasado e durante esta semana as persoas que cremos que as touradas non teñen sentido en pleno século XXI, tivemos en Catalunya, unha das maiores alegrías dos últimos anos. O Parlament rexeitaba as enmendas á totalidade presentadas por Ciudadants, o Partido Popular de Catalunya, e o PSC, esa versión catalana-descafeinada do PSOE, a proposta popular seguía cara diante.

Os artifíces da iniciativa son 180.169 persoas. Os firmantes dunha Iniciativa Lexislativa Popular que contou con 880 fedatarios, as persoas encargadas de recoller as sinaturas e validalas no momento mediante a revisión do DNI do «firmante». Era a primeira vez que unha proposta tan multitudinaria sobre a tauromaquia chegaba a unha cámara autonómica.

Dende Galicia, Mellor Sen Touradas, na outra beira do territorio español, e pasando polas comunidades máis rancias do Estado, ofrecíase a visión dos abolicionistas galegos na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Houbo ata un debate case simultaneo coa votación da ILP no Parlament.

A pesares da axustada votación, as enquisas otorgan unha maioría aplastante ás persoas que non queren ver como outros seres humanos teñen a liberdade, e recalco liberdade, para ver como se tortura e martiriza a un animal. Recalco esa curiosa verba porque é un dos argumentos máis manidos polos afecionados e a industria taurina, unha suposta liberdade para poder ver como torturar animais nun espazo privado.

A liberdade e o anti-españolismo, como se todas as enquisas que fixeron medios como El inMundo, La sinRazón, La Coz de Galicia, La Opinión, etc etc foran de tendencia nacionalista histórica; porque hai que saber diferenciar que defender unha tradición centralizadora como é a tauromaquia, vinculada só a determinadas comunidades, tamén é un exercicio de nacionalismo. Pero o debate é sobre protección animal.

Non podemos vincular ao movemento antitouradas co debate nacionalista; pode haber parte dos antitaurinos que sexan nacionalistas e que rexeiten este espectáculo por motivos políticos. Pero ao final, a verdadeira análise que se ten que facer é que cada ano tortúranse máis de 40.000 animais, que os gandeiros de lidia recibiron 220€ por cada guiñapo, e que os festexos subvencionaronse co noso diñeiro.

Os comentarios están pechados.