A botica da expresión Rotating Header Image

Decembro, 2009:

Vangarda

O venres pasado e durante esta semana as persoas que cremos que as touradas non teñen sentido en pleno século XXI, tivemos en Catalunya, unha das maiores alegrías dos últimos anos. O Parlament rexeitaba as enmendas á totalidade presentadas por Ciudadants, o Partido Popular de Catalunya, e o PSC, esa versión catalana-descafeinada do PSOE, a proposta popular seguía cara diante.

Os artifíces da iniciativa son 180.169 persoas. Os firmantes dunha Iniciativa Lexislativa Popular que contou con 880 fedatarios, as persoas encargadas de recoller as sinaturas e validalas no momento mediante a revisión do DNI do “firmante”. Era a primeira vez que unha proposta tan multitudinaria sobre a tauromaquia chegaba a unha cámara autonómica.

Dende Galicia, Mellor Sen Touradas, na outra beira do territorio español, e pasando polas comunidades máis rancias do Estado, ofrecíase a visión dos abolicionistas galegos na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Houbo ata un debate case simultaneo coa votación da ILP no Parlament.

A pesares da axustada votación, as enquisas otorgan unha maioría aplastante ás persoas que non queren ver como outros seres humanos teñen a liberdade, e recalco liberdade, para ver como se tortura e martiriza a un animal. Recalco esa curiosa verba porque é un dos argumentos máis manidos polos afecionados e a industria taurina, unha suposta liberdade para poder ver como torturar animais nun espazo privado.

A liberdade e o anti-españolismo, como se todas as enquisas que fixeron medios como El inMundo, La sinRazón, La Coz de Galicia, La Opinión, etc etc foran de tendencia nacionalista histórica; porque hai que saber diferenciar que defender unha tradición centralizadora como é a tauromaquia, vinculada só a determinadas comunidades, tamén é un exercicio de nacionalismo. Pero o debate é sobre protección animal.

Non podemos vincular ao movemento antitouradas co debate nacionalista; pode haber parte dos antitaurinos que sexan nacionalistas e que rexeiten este espectáculo por motivos políticos. Pero ao final, a verdadeira análise que se ten que facer é que cada ano tortúranse máis de 40.000 animais, que os gandeiros de lidia recibiron 220€ por cada guiñapo, e que os festexos subvencionaronse co noso diñeiro.

A conta, por favor

A caverna leva unha mala semana. Primeiro foi a agresión ao xornalista Herman Tertsch a que levantou a polvareda da violencia contra a liberdade de expresión, sinalando a un coñecido humorista e a unha cadea de televisión de instigar ao ataque dunha persoa. O motivo, uns videos manipulados por un programa onde o serñor Terstsch dicía cousas como “mataría a 15 o 20 pacifístas(…)”, sempre manipulados, volvo repetir.

O que non fora manipulado era a opinión en directo deste crítico xornalista, recordando que mataría varias persoas de Al Qaeda se con iso liberaban aos secuestrados españois. Rápidamente certos medios e algún político rexional sinalaron.

Despois deste circo mediático, provocado polo afán de conspiraccionismo, hoxe sabemos que o grande locutor (presunto) pirata Federico Jiménez Losantos (pirata polas emisións sen licencia de esRadio na provincia de Tarragona), terá que indemnizar a Esquerra Republicana de Catalunya con 60.000 euros, por locutar, nunca mellor dito, que na sede da formación catalana escondíanse armas, e os seus militantes e por ende, dirixentes, eran terroristas. Unha pérola máis dun dos xornalistas máis condeados dos “mass-media” españois.

A Audiencia de Barcelona conmina ao xornalista rebelde a pagar, por atentar contra o honor dun partido político e dos seus militantes hai dous anos, no 2007, nunha columna de El Mundo. A sentenza resume moi ben o sentir de moitos cidadáns con este home, “o dereito a expresión non é ilimitado”, e por tanto, novo varapalo para a caverna. Mala semana, si.

Ciencia infectada

Resposta ao artigo “Comerse una rata” de Jose Ramón Amor Pan, teólogo e columnista de La Coz.

En resposta ao artigo do sr. Amor, en relación aos dereitos dos animais, teño que dicir que tales afirmacións supoñen un xeito sesgado e simplista de interpretar a realidade.

Cando fala da experimentación en animais, a súa análise é certamente acientífica, invitando a pensar que a experimentación en animais non humanos é necesaria para o avance da propia ciencia e o coñecemento. Non obstante, habería que incidir na gran cantidade de erros e fracasos que tal eido acumula.

Así, podería recordalle ao señor Amor o caso do Talidomida, famoso medicamento empregado nas mulleres embarazadas para controlar as náuseas, probado en ratos e cobaias, que provocaría máis de dez mil nacementos de bebés con mutilacións. E iso que os experimentos cos animais non ofreceran problemas. Ou o Propulsid, un fármaco para tratar refluxos gástricos en poboación infantil, que provocou máis de douscentas mortes debido as alteracións cardíacas que producía. E sen embargo ningún estudo con ratos ofrecera tales complicacións.

A experimentación en animais é unha lucrativa industria que condea a millóns de animais a sufrir crueis investigacións e probas para que logo o oligopolio da saúde e da ciencia poidan obter cuantiosos beneficios e axudas estatais. Xa existen métodos alternativos e substitutivos eficaces e validados por institucións europeas, pero semella que non interesa…

A ética máis básica propugna a fin da vivisección, da crueldade enmascarada de ciencia. O sentido común é deixar de verter químicos nos ollos dos coellos, de diseccionar a cans e gatos todavía vivos, de obrigar a macacos a inxerir substáncias tóxicas. A ciencia é progreso, non reproducir sistemáticamente accións de seculos pasados.