A botica da expresión Rotating Header Image

Decembro, 2009:

Na procura da (verdadeira) aconfesionalidade

Joan Tardà falou nestes días da proposta que presentara Esquerra para garantir a aconfesionalidade do Estado nas aulas; unha proposta innecesaria se se garantira o cumprimento real da constitución española. Pero a realidade é ben distinta. Máis de trinta anos despois da carta magna, todavía temos que ver crucifixos nas escolas públicas e en case todos os centros concertados.

Galiza non é unha excepción, xunto a imaxe do rei, temos a imaxe de cristo presente, unha mágoa que neste país non souberamos atallar correctamente a problemática da confesionalidade, a laicidade e a garantía dun estado que non se decantase por unha ou outra relixión. A pesares de ver como España asinaba diferentes acordos co Vaticano, ese estado que se preocupa tanto por todos nós.

A proposta de ERC pasou case inadvertida para os medios de comunicación, e as verbas de Joan no seu blogue case non sairon dos hipotéticos muros da rede.

Este mércores debaterase e votarase a teórica extinción da simboloxía relixiosa en centros educativos. E non estaría de máis que os centros que tamén perciben fondos do estado ou dos territorios autonómicos tiveran que prescindir de tal aparello.

Non é lóxico que no século XXI, que no ano 2009 todavía teñamos este debate; nun contexto onde a Igrexa Católica e a súa representación, a Conferencia Episcopal faga política, lance ameazas e exerza de moralista. Os crucifixos son unha parte da parafernalia relixiosa, pero tamén un elemento que atenta contra a aconfesionalidade. Polo menos xa non dín !Santiago y cierra, España!. Haberá que prestar moita atención á nova Lei de Liberdade Relixiosa; se será tal ou se será unha nova forma de rirse dos ateos e doutras confesións.