A botica da expresión Rotating Header Image

Asistencialismo

Un dos momentos estelares da semana que levamos é a subasta benéfica que Novas Xeracións organizou co obxetivo (presunto) de axudar aos máis necesitados. Por que non se sabe como se empregará o diñeiro salvo as declaracións dos pequenos populares.

Na subasta aparecían cousas como o móbil que empregou Rueda na campaña das eleccións 2009 de Galiza; un bolígrafo, uns zapatos de tacón, puros e garabata. Unha combinación explosiva completada cunha cea co señor presidente da Xunta de Galiza, Alberte Nuñez Feijoó.

A situación non debería ir a máis da egolatría que amosa a dereita, de non ser porque a suposta cea terá lugar na casa dos galegos, a residencia oficial do presidente da Xunta; un espazo público co que o Partido Popular, que leva ocupando o “chabolo” uns cantos anos, co inciso do bipartito, organizará un acto privado polo contido, e privado polo continente; ao tratarse dunha iniciativa que parte das súas xuventudes.

Reservo a opinión sobre o desembolso de 1.300€ para cear cunha persoa, sexa quen sexa; pero penso que hai mellores formas de recaudar fondos, e de seguro, que o montante total, ao redor de 3.000€ poderían facer falta a moitas organizacións que traballan con países en vías de desenvolvemento, despois da austeridade que lle aplicaron os populares aos presupostos de Cooperación Internacional e Cooperación ao Desenvolvemento.

É a volta ao asistencialismo, á beneficencia de séculos pasados, onde a aristocracia regalaba diñeiro e obxetos en determinadas épocas do ano, naqueles anos dos albergues de pobres, as primeiras institucións sociais de España, e da formación relixiosa do indixente como forma de redención e cura da miseria.

As persoas que necesitan axuda non queren ególatras nen caridade, necesitan unha acción integral e real dun goberno, que polo momento, non mellorou nada a situación de moitos colectivos en risco de exclusión social. Non está ben criticar dende a oposición para logo xogar de titular e non meter ningún gol.

Por esta falcatruada propagandística, o Partido Popular de Galicia e as Novas Xeracións deixan o seu marcador social a cero.

Comments are closed.