Archive for the Língua Category

O apartheid foi o resultado dunha política de segregación levada a cabo en Sudáfrica durante parte do século XX. Unha época terrible para a poboación negra daquel país, que ademais, eran maioría esmagadora.

Non é a miña intención comparar a situación que vou expor con este horrendo suceso, pero se serve para introducir a situación actual dunha lingua, algo abstracto, e á vez algo real.

A lingua galega, do mesmo xeito que o catalán e o vasco, sufriu dende sempre un apartheid, mellor dito, os seus falantes sufriron unha discriminación por falalo. De forma recente, a ditadura do xeneralísimo acabou borrando do mundo “oficial” a riqueza lingüística das comunidades. Falar en galego na escola era sinónimo de levar un bo pao, e de forma similar castigaban en Euskadi ou Catalunya.

Co fin do franquismo, e a aprobación posterior dos distintos estatutos de Autonomía, como é o caso do galego, en 1981, a situación foi prosperando e normalizándose, restablecéndose o seu uso pouco a pouco, perdendo o medo de outroras épocas.

Chegando aos nosos días, pódese comprobar como en Catalunya ou Euskadi, a súa riqueza lingüística goza dunha saúde máis ou menos aceptable, ata traspasando fronteiras, como ocorreu en Francia e Andorra.

A lingua galega, con todo, segue acatarrada; un catarro que cada día empeora. Promóvense diferentes políticas e iniciativas para promocionar o seu uso, premiando e incentivando aos seus “usuarios”. Aínda así, o nivel do galego non é o mesmo que o do español. Nin tan sequera existe a un equilibrio.

Outórganse subvencións aos medios de comunicación, pero iso só serve para engordar o saco, ou dar pé a situacións grotescas, como a posición da Cadea COPE, o seu desprezo polo galego e os 20.000€ que se embolsou para -promocionar a lingua galega- entre 2005 e 2007; todo un exemplo de normalización.

O problema chega agora ás aulas, onde se pretende chegar ao 50% de ensino en cada idioma, algo malo para algúns. Pero algo necesario para conseguir que as futuras xeracións aprendan galego. Imposición chámano…

¡Que vai!; imposicións poucas. En palabras de Juan Carlos Moreno Cabrera, lingüista e catedrático da UAM, "Hai un nacionalismo lingüístico que apoia o bilingüismo sempre que o castelán domine". Unha frase que resume perfectamente a situación de Galicia, e a probable neumonía do galego.

O 18 de Maio fornecéuselle o primeiro analxésico: 25.000 persoas percorreron as rúas de Santiago de Compostela, unha manifestación apoiada por case cincocentos colectivos sociais de todos os ámbitos, para defender os dereitos dos galego falantes na vida diaria.

 Artigo para: Tercera Información

Chuzame! chúzame -

A manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística e secundada por case 500 colectivos foi un rotundo éxito,  igual cas actividades da tarde para os pequerrechos, en Santiago de Compostela.

As cifras varían entre os 8.000 asistentes, segundo a Policía, e os 25.000 segundo a organización.

A noticia en:
Rotundo éxito da manifestación pola lingua - Vieiros

Festa do Galego en Compostela - GZnación

Chuzame! chúzame -

DEITADO FRENTE Ó MAR...

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro, Longa Noite de Pedra

Chuzame! chúzame -

Tiña que copialo e pegalo, pois xa me chegou cartaz dende O Bierzo, moitas grazas Igor.

A minha língua quero na tua boca
e nos teus lábios nos teus peitos
E no país inteiro do teu sexo
falar com o idioma que nos pertence
Procurar a humidade com a língua que nos une
para dar-lhe nome ao teu corpo
e repetir em cada rio em cada bosque
em cada outeiro da tua geografia
a promessa de quem ama sem palavras
Com o silêncio das estrelas, tam longínquo e singelo

Chuzame! chúzame -