A botica da expresión Rotating Header Image

Política

Rebumbio do mes

Todavía non remataron os exames, e A Botica da Expresión anda máis orfa do normal. Nesta semanas de estudo aconteceron moitas cousas. En primeiro lugar, a declaración de Cangas como primeira vila de Galiza contraria aos festexos taurinos, sen dúbida un paso moi potente do movemento abolicionista galego.

Outra nova que me sorprendeu será ler a Chomsky cada mes nun coñecido xornal, o diario Público; sen dúbida unha das persoas máis críticas co seu propio país e cos seus gobernantes e sistema. Un dos expertos cidadáns, sen moitas cavilacións. Por certo, o sábado o mesmo xornal ofrece a súa obra “Utopía”, que eu non deixaria escapar.

Ao señor Aznar as cousas non lle pintan tan ben, despois de que a Xustiza anunciara que investigará ao seu antigo goberno popular por financiar, supostamente, a un grupo de presión co obxetivo de que lle otorgaran a medalla de ouro do Congreso dos Estados Unidos. Eu temía que non quixera quedarse nas Azores, aprendendo inglés e italiano, e por desgracia nosa, puido ocorrer que dera diñeiro da cidadanía para aumentar a estantería dos trofeos, xunto coa resolución da ONU e o Iraq.

Sen dúbida o filme do mes é To Shoot an Elephant, un documentario nada corrente sobre a invasión de Gaza, por parte do estado de Israel. Xusto poucos días antes de que o propio goberno (terrorista) admitira que empregou fósforo branco. Tamén é interesante ver “Gaza: War in Media“, que emprega material do filme de Alberto Arce e Mohammad Rujailah e enfoca a situación dende o punto de vista dos medios de comunicación, os mass media e a demagoxia dalgúns.

Pero tamén estaremos atentos para ver como remata a polémica do decreto pluri-maxi-hiper-lingüístico. Pois eu penso que mellor que a língua inglesa, habería que aprender chinés, idioma en expansión e próximo idioma dos negocios no mundo. Sigo co estudo…

Asistencialismo

Un dos momentos estelares da semana que levamos é a subasta benéfica que Novas Xeracións organizou co obxetivo (presunto) de axudar aos máis necesitados. Por que non se sabe como se empregará o diñeiro salvo as declaracións dos pequenos populares.

Na subasta aparecían cousas como o móbil que empregou Rueda na campaña das eleccións 2009 de Galiza; un bolígrafo, uns zapatos de tacón, puros e garabata. Unha combinación explosiva completada cunha cea co señor presidente da Xunta de Galiza, Alberte Nuñez Feijoó.

A situación non debería ir a máis da egolatría que amosa a dereita, de non ser porque a suposta cea terá lugar na casa dos galegos, a residencia oficial do presidente da Xunta; un espazo público co que o Partido Popular, que leva ocupando o “chabolo” uns cantos anos, co inciso do bipartito, organizará un acto privado polo contido, e privado polo continente; ao tratarse dunha iniciativa que parte das súas xuventudes.

Reservo a opinión sobre o desembolso de 1.300€ para cear cunha persoa, sexa quen sexa; pero penso que hai mellores formas de recaudar fondos, e de seguro, que o montante total, ao redor de 3.000€ poderían facer falta a moitas organizacións que traballan con países en vías de desenvolvemento, despois da austeridade que lle aplicaron os populares aos presupostos de Cooperación Internacional e Cooperación ao Desenvolvemento.

É a volta ao asistencialismo, á beneficencia de séculos pasados, onde a aristocracia regalaba diñeiro e obxetos en determinadas épocas do ano, naqueles anos dos albergues de pobres, as primeiras institucións sociais de España, e da formación relixiosa do indixente como forma de redención e cura da miseria.

As persoas que necesitan axuda non queren ególatras nen caridade, necesitan unha acción integral e real dun goberno, que polo momento, non mellorou nada a situación de moitos colectivos en risco de exclusión social. Non está ben criticar dende a oposición para logo xogar de titular e non meter ningún gol.

Por esta falcatruada propagandística, o Partido Popular de Galicia e as Novas Xeracións deixan o seu marcador social a cero.