A botica da expresión Rotating Header Image

España salvaxe

Comezo a entrada co título dunha canción do grupo de música “Ska-P”, chamada “Wild Spain” ou a traducción ao galego “España Salvaxe”. Hoxe toca falar dun touro, ou mellor dito dun festexo do medievo, o “Toro da Vega”, unha festividade (para algúns) que ten lugar cada ano na localidade de Tordesillas, onde, en resumidas contas, a diversión consiste en matar ao animal a lanzazo limpo, como mataban antes aos mamuts en tempos inmemoriais.

Hoxe mataron a Moscatel, o touro desgraciadamente escollido para 2009; non sen antes alentar a polémica tamén anual, onde grupos e colectivos de defensa animal manifestan o de sempre: queremos que este festexo sexa abolido.

Non deixa de ser curioso que a propia alcaldesa de Tordesillas teña a pouca vergoña de dicír que é “un torneo limpo, onde o touro non sufre”. Parece que a esta persoa hai que ensinarlle fundamentos básicos dos seres vivos, pois negar o sufrimento deste ser vivo, da maneira que o tratan e o asasinan, deixa moito que desexar, máis que nada pola súa intelixencia. Tampouco me sorprende porque sae elixida en Tordesillas, cun festexo á altura da imbecilidade humana, e digno de ser escollido como marabunta pseudo-humana e próxima á extinción mental.

Este festexo ten ata un “Patronato”, que a fin de contas fala da tradición, do festexo, da “raíz”, que apenas soa totalitarista, e ten tanta historia como que se fundou en 1978. Realmente o “Patronato” non deixa de ser un ente pantasma creado por unha asociación cultural da vila (¿cultural?). A súa páxina web destila violencia e inmovilismo social polos seu código fonte, realmente é macabra.

Un ano máis, os que pensamos que a evolución está por riba de tradicións e manifestacións aberrantes, alzamos a nosa voz; e o pobo de Tordesillas volveu demostrar por que se gañou unha portada da publicación sátira “El Jueves”.

Comments are closed.