A botica da expresión Rotating Header Image

alternativa

As touradas e Cangas

A pasada semana unha nova espertou un positivo interese nos medios de comunicación. Tratábase do lanzamento da campaña “Queres declarar a túa vila abolicionista?”, idea da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, que concentraba no seu primeiro día de vida a presentación de mocións contrarias á barbarie taurina en 19 concellos galegos.

Xa pasaron 12 días dende a presentación da campaña e do “boom” mediático, e xa son 25 os concellos que recibiran unha moción no rexistro municipal, como adiantaba o xornal Público nunha entrevista a un membro da organización abolicionista galega.

Hoxe a nova é moi positiva, como informa La Coz de Galicia e o medio taurino Burladero. Trátase da primeira moción contra as touradas presentada nun concello por parte dunha formación política, unha iniciativa auspiciada pola formación Alternativa Canguesa de Esquerdas, que levara a proposta de Galicia, Mellor Sen Touradas ao seguinte pleno do concello de Cangas con algunhas modificación segundo puiden coñecer…

ACE goberna en coalición co Bloque Nacionalista Galego e o PSdeG-PSOE, e a situación na vila non é moi estable despois de toda a revolta co gallo das obras e do porto cangués. Sen embargo a proposta ten que continuar (the show must go on!) e ten que aprobarse, pois de facelo, sería o primeiro concello galego oficialmente contrario ás touradas, despois de que o alcalde de Monforte rexeitara debater a iniciativa, nun intento por contentar ao lobby taurino.

Xa o dicía Francisco

Eleccións Lexislativas no país veciño, Portugal, o Partido Socialista (PS) perde a maioría absoluta, coa que gobernara anos atrás. O importante non é a baixada do Partido Socialista de José Sócrates, senón a espectacular suba da esquerda ecosocialista, o Bloco de Esquerda, un partido político que dende a súa creación, unha unión de formacións máis pequenas, triplicou o número de votos.

Máis de 550.000 portuguesas e portugueses confiaron no Bloco, e nas súas propostas, o que lles permitiu acadar 16 parlamentarios na Asamblea, e facer parte nun futuro pacto de goberno co Partido Socialista, que tamén necesitaría da outra coalición de esquerda, o Partido Comunista Portugués e Os Verdes (CDU).

O sistema de reparto de escanos perxudicou á esquerda, sen dúbida, posto que o Partido Popular (CDS-PP) chegou aos 21 escanos con pouco máis de 40.000 votos engadidos que o Bloco, o que supón decidir por máis persoas das que teóricamente votaron a este partido da dereita.

Un exemplo de sistemas de votación erróneos teno España, onde un partido de ámbito estatal como Izquierda Unida ten que suar moito para acadar representantes.

Volvendo aos veciños, xa o dicía Francisco Louçã, coordenador do Bloco; cando comentaba que o partido ao que pertencía ía subir e ía decidir no futuro e o futuro dos cidadáns e cidadás. Que por certo, o único político portugués que nestas eleccións xerais fixo un encontro en vivo con blogueiros…

Recomendo visionar os videos da campaña, posto que as súas propostas semellan moi interesantes, e moi recomendables en contexto de crise. Unha suba de impostos como ocorre en España non é a mellor solución, por exemplo, pero a modo de defensa tamén hai que dicír que moitas persoas quéixanse do pago de impostos, e logo non teñen problema cando acuden a un centro de saúde, ás bibliotecas ou centros cívicos ou mesmo transitan polas estradas e rúas.

A suba non é a solución, pero tampouco é a solución xirar cara a dereita como ocorre en Alemaña, xa que a baixada de impostos e o capitalismo tampouco han traer vantaxes salvo para os mesmos de sempre, chámemoslle CEOE ou como queiran.