A botica da expresión Rotating Header Image

animais

De touros e liberdade, pasando por Vedra

Nesta semana comezaron as comparecencias na Comisión de Medio Ambiente e Vivenda do Parlament de Catalunya, sobre a iniciativa lexislativa popular contra as touradas, coa asistencia dun total de 30 persoas (comparecentes). Pola parte que nos toca, apostouse por catedráticos, escritores, expertos en comportamento animal e veterinaria, etc. A fin de contas, pola ciencia e a racionalidade.

Pola outra banda, e supoño que perante a falta de argumento do sector taurino, foron ex-toureiros, membros de peñas, gandeiros, en fin; xente en xeral con “poucas luces”, seguindo símiles taurinos.

Certos medios de comunicación, coñecidos habitualmente como a caverna, manipularon interesadamente as declaracións de Jesús Mosterín, cando afirmou que a ablación do clítoris era tan tradicional como a tauromaquia. Efectivamente non é barbaridade. Cando unha industria afirma que a tauromaquia ten longo percorrido na Historia de España, lóxicamente pode equipararse con outras “tradicións” como esta salvaxada prácticada nalgúns países africanos, ou o “machismo” todavía existente en España e outros países. Son tradicións, e non precisamente positivas.

Por outra banda, o pasado 4 de marzo tivo lugar a votación dunha moción contra as touradas no Concello de Vedra. Como parte da campaña da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, “Queres declarar a túa vila abolicionista?”, e coma se dunha paradoxa se tratase, a moción aprobouse cun voto a favor, e 12 abstencións, garantindo que Vedra sexa a segunda vila contraria as touradas de Galiza, despois da declaración de Cangas do Morrazo.

Por certo, as páxinas web da plataforma GMST, da plataforma da ILP (Prou!) e da Asociación Animalista Libera! foron atacadas nos prolegómenos das comparecencias no Parlament. A falla de argumentos dalgúns e o medo a non poder presenciar máis carnicerías nas prazas de touros, florecen.

Ciencia infectada

Resposta ao artigo “Comerse una rata” de Jose Ramón Amor Pan, teólogo e columnista de La Coz.

En resposta ao artigo do sr. Amor, en relación aos dereitos dos animais, teño que dicir que tales afirmacións supoñen un xeito sesgado e simplista de interpretar a realidade.

Cando fala da experimentación en animais, a súa análise é certamente acientífica, invitando a pensar que a experimentación en animais non humanos é necesaria para o avance da propia ciencia e o coñecemento. Non obstante, habería que incidir na gran cantidade de erros e fracasos que tal eido acumula.

Así, podería recordalle ao señor Amor o caso do Talidomida, famoso medicamento empregado nas mulleres embarazadas para controlar as náuseas, probado en ratos e cobaias, que provocaría máis de dez mil nacementos de bebés con mutilacións. E iso que os experimentos cos animais non ofreceran problemas. Ou o Propulsid, un fármaco para tratar refluxos gástricos en poboación infantil, que provocou máis de douscentas mortes debido as alteracións cardíacas que producía. E sen embargo ningún estudo con ratos ofrecera tales complicacións.

A experimentación en animais é unha lucrativa industria que condea a millóns de animais a sufrir crueis investigacións e probas para que logo o oligopolio da saúde e da ciencia poidan obter cuantiosos beneficios e axudas estatais. Xa existen métodos alternativos e substitutivos eficaces e validados por institucións europeas, pero semella que non interesa…

A ética máis básica propugna a fin da vivisección, da crueldade enmascarada de ciencia. O sentido común é deixar de verter químicos nos ollos dos coellos, de diseccionar a cans e gatos todavía vivos, de obrigar a macacos a inxerir substáncias tóxicas. A ciencia é progreso, non reproducir sistemáticamente accións de seculos pasados.

España salvaxe

Comezo a entrada co título dunha canción do grupo de música “Ska-P”, chamada “Wild Spain” ou a traducción ao galego “España Salvaxe”. Hoxe toca falar dun touro, ou mellor dito dun festexo do medievo, o “Toro da Vega”, unha festividade (para algúns) que ten lugar cada ano na localidade de Tordesillas, onde, en resumidas contas, a diversión consiste en matar ao animal a lanzazo limpo, como mataban antes aos mamuts en tempos inmemoriais.

Hoxe mataron a Moscatel, o touro desgraciadamente escollido para 2009; non sen antes alentar a polémica tamén anual, onde grupos e colectivos de defensa animal manifestan o de sempre: queremos que este festexo sexa abolido.

Non deixa de ser curioso que a propia alcaldesa de Tordesillas teña a pouca vergoña de dicír que é “un torneo limpo, onde o touro non sufre”. Parece que a esta persoa hai que ensinarlle fundamentos básicos dos seres vivos, pois negar o sufrimento deste ser vivo, da maneira que o tratan e o asasinan, deixa moito que desexar, máis que nada pola súa intelixencia. Tampouco me sorprende porque sae elixida en Tordesillas, cun festexo á altura da imbecilidade humana, e digno de ser escollido como marabunta pseudo-humana e próxima á extinción mental.

Este festexo ten ata un “Patronato”, que a fin de contas fala da tradición, do festexo, da “raíz”, que apenas soa totalitarista, e ten tanta historia como que se fundou en 1978. Realmente o “Patronato” non deixa de ser un ente pantasma creado por unha asociación cultural da vila (¿cultural?). A súa páxina web destila violencia e inmovilismo social polos seu código fonte, realmente é macabra.

Un ano máis, os que pensamos que a evolución está por riba de tradicións e manifestacións aberrantes, alzamos a nosa voz; e o pobo de Tordesillas volveu demostrar por que se gañou unha portada da publicación sátira “El Jueves”.