A botica da expresión Rotating Header Image

animais

A protección animal en Galiza

Hoxe é o Día do Animal Abandoado, unha data creada para homenaxear os centos de miles de animais que cada ano acaban nas nosas estradas pola desidia dalgúns suxeitos cuase-humanos, non teñen outro calificativo.

Neste día, a Asociación Animalista Libera! fixo unha valoración da protección dos animais nas terras galegas, por suposto, unha valoración bastante negativa do que supón unha das comunidades menos protectoras cos seres vivos. A continuación reproduzo parte da nota de prensa.

A resposta dos medios de comunicación foi moi boa, e poderedes ler a nova en galego en Galicia Hoxe, Galiciaé Vieiros, El Correo Gallego, De Luns a Venres ou GZnación. En castelán a tendes tamén en La Opinión A Coruña, El Progreso, Diario de Pontevedra, El Correo Gallego, ABC e  Qué!.

Moi poucos concellos galegos cumpren a lei de protección animal.

Asociación Libera advirtiu esta mañá, nun comunicado, do “incumprimento das obligacións” na protección dos animais e a “deixadez” das corporacións locais na implantación de servizos de lacería ou centros de acollida de animais, imprescindibles “para levar a cabo unha efectiva labor de recollida de adopción dos animais abandoados”.

Como explica a nota remitida aos medios de comunicación, a Lei 1/93 de Protección dos Animais domésticos e Salvaxes en catividade da comunidade autónoma de Galicia foi promulgada en 1993. 18 anos despois, con cambio no goberno da Xunta de Galicia incluído, o cumprimento da Lei todavía non acada a totalidade dos municipios galegos.

O responsable para Galicia do colectivo animalista, Rubén Pérez, recordou alguns exemplos como o caso do Concello de Negreira, que en 2008 colaborou na organización dun festexo taurino, e perante o requerimento dunha asociación protectora de animais de Santiago, a corporación admitiu non cumprir coa lei por falta de diñeiro e medios.

“É unha indecencia antepoñer cuestións económicas ó cumprimento da leis; os concellos aproban os orzamentos en pleno, e ademais están obrigados a contratar e facilitar certos servizos”. Engade Rubén Pérez.

Outros dos casos que ofreceu a asociación é o do Consorcio das Mariñas, que aglutina nove concellos da provincia da Coruña, dos que só Arteixo conta con servizo de lacería; pero ningún dispoñe de centro de acollida de animais.

“A cea dos idiotas”

Os pasados 19 e 20 de xuño, A Coruña acolleu o “II Seminario pola Abolición da Tauromaquia”, que pretendía ser un punto de encontro e coñecemento do movemento contra as touradas. O Seminario comezou raro, cunha clara aposta do PSdeG-PSOE e do PP por boicotear os debates programados, rexeitando calqueira tipo de cara a cara e calqueira posición pública sobre o maltrato animal.

A industria taurina reventou, e como non era estrano, xurdiron críticas, ameazas, ataques persoais. Eles poden organizar un evento onde se maltraten animais, baixo o calificativo que se prefira: festa, cultura, deporte, tradición. Pero os verdadeiros defensores dos animais non podemos facer nada, porque somos unha minoría.

A minoría actual, segundo a empresa de investigación Gallup (agora Investiga), sitúa no 86% o desinterese das galegas e galegos por este bárbaro espectáculo. Claro está que a meirande parte da poboación non soporta este tipo de actividades. ¿Quen é a minoría?

É interesante tamén comparar as declaracións das industrias dun e doutro lado segundo a comunidade. En Cataluña, coa “festa nacional” agonizando no Parlament, os taurinos queren debate, din que é a tauromaquia e os festexos taurinos son parte da democracia; nembargantes, en Galicia, iso é “darlle as a unha minoría”, e voltamos as enquisas, claro.

A pesares disto, de que a sociedade galega xa se posicionou, a falta de respeto cara unha importante masa social é ata esquizofrénica. Non hai afeción, non hai afecionados e non hai futuro para o atavismo.

O soño da tartaruga

O ser humano é un demo para o seu propio fogar; espazo que comparte con milleiros de especies, e que poderían ser máis se non fora pola súa propia man.

Hoxe falo dunha tartaruga, pero podería ser de calqueira outro animal. Os océanos estanse a converter en auténticos sumidoiros onde os terrícolas humanos botan os seus lixos. Augas residuais, materia orgánica en descomposición, electrodomésticos, materiais radioactivos… todo serve, e parece que o mar teno que devorar como se dunha destructura de materia se tratara, como un buraco negro, o mesmo.

As tartarugas son una especie mariña que sufre especialmente a crueldade indirecta dos humanos. As bolsas de plástico, arandelas das multinacionais dos refrescos, case todo é susceptible de facerlles dano e causar, incluso, a morte.

Hai países que xa toman cartas no asunto; outros prefiren obvialo, pensando que é mellor deixalo pasar e que se solucione por solución infusa. Todo un exemplo de civismo, e unha mostra máis da debilitada intelixencia dalgúns humanos, os que a evolución lles fixo máis mal que ben.

Non somos os donos da terra, nin dos mares. Somos uns habitantes máis, dunha comunidade de veciños inmensa. E por iso, temos que actuar en consecuencia.

Hoxe son as tartarugas, mañá será calquera outra especie. ¿Deixaremola desaparecer?