A botica da expresión Rotating Header Image

demagoxia

A conta, por favor

A caverna leva unha mala semana. Primeiro foi a agresión ao xornalista Herman Tertsch a que levantou a polvareda da violencia contra a liberdade de expresión, sinalando a un coñecido humorista e a unha cadea de televisión de instigar ao ataque dunha persoa. O motivo, uns videos manipulados por un programa onde o serñor Terstsch dicía cousas como “mataría a 15 o 20 pacifístas(…)”, sempre manipulados, volvo repetir.

O que non fora manipulado era a opinión en directo deste crítico xornalista, recordando que mataría varias persoas de Al Qaeda se con iso liberaban aos secuestrados españois. Rápidamente certos medios e algún político rexional sinalaron.

Despois deste circo mediático, provocado polo afán de conspiraccionismo, hoxe sabemos que o grande locutor (presunto) pirata Federico Jiménez Losantos (pirata polas emisións sen licencia de esRadio na provincia de Tarragona), terá que indemnizar a Esquerra Republicana de Catalunya con 60.000 euros, por locutar, nunca mellor dito, que na sede da formación catalana escondíanse armas, e os seus militantes e por ende, dirixentes, eran terroristas. Unha pérola máis dun dos xornalistas máis condeados dos “mass-media” españois.

A Audiencia de Barcelona conmina ao xornalista rebelde a pagar, por atentar contra o honor dun partido político e dos seus militantes hai dous anos, no 2007, nunha columna de El Mundo. A sentenza resume moi ben o sentir de moitos cidadáns con este home, “o dereito a expresión non é ilimitado”, e por tanto, novo varapalo para a caverna. Mala semana, si.

Méritos

Nesta semana apareceron dúas novas moi interesantes sobre unha actividade cultural que vai ter lugar na Coruña o día 19; concertos, xogos populares, etc. Apoiado por varias empresas, a Concellaría de Mocidade da mesma cidade e polo Centro Social Atreu. Ata aquí todo ben, pero hai que observar as novas.

Con dicír que aparecían no portal Periodista Digital e na Coz de Galicia, a meirande parte da xente saberá o senso de ditas novas. “Aquelarre” ou “terrorismo” son algún dos apelativos que adica a dereita mediática a unha festa pola língua galega.

Cando unha persoa que non comprende o que hai detrás de certos medios de comunicación pode chegar a crer que o que dín é verdade, coa famosa parábola de que se repites unha mentira varias veces, convértese en verdade; a pesares de que sexa falsa. A parábola dos méritos traza unha liña entre a imparcialidade e a veracidade que deben manter os medios de comunicación e o editorialismo panfletario. De Periodista Digital pouco podo falar. Nas súas páxinas poden atoparse a defensa da educación segregada por sexo, o antiabortismo, as posicións contrarias ás línguas cooficiais, etc etc.

De La Coz de Galicia é máis complicado explicar de que pao vai, xa que hai que seguir o medio dende hai anos para comprender a súa posición. Só podo falar do que coñezo, con respecto ao tema das touradas. A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, cando fai unha nota de prensa ou comunicado, o remite a todos os medios de comunicación, inclusive a Coz; malia que este xornal nunca lle publique nada.

¿E porque non publican nada? Moi sinxelo; La Coz recibe miles de euros da organización da feira taurina da Coruña, en formato de publicidade, e deceas de entradas para os directivos e xornalistas da redacción herculina. Ademáis, como contraprestación, Radio Coz (Grupo Coz) retransmite as touradas. Aquí xa se van vendo as cousas…

Máis intrigante é saber que a retransmisión das touradas tivo unha personaxe espeluznante nas ondas radiofónicas, un periodista pertencente ao grupo Intereconomía. E neste momento, xa sabemos que Grupo Coz e Grupo Intereconomía son amigos, unha relación nada estrana, pero que nunca antes se producirá. Por certo, este home veranea en “Sangengo”, que non teño nin p*** idea de onde cae.

Pasada a feira taurina, a plataforma GMST remitiu aos medios un extracto da investigación que realiza durante todo o ano, sobre o tratamento dos propios medios á feira taurina. Atoparon deceas de incongruencias e falsedades; tan só La Opinión A Coruña sacou o comunicado, pero non quixeron publicar os datos da investigación.

Días antes, La Coz de Galicia e dous xornalistas foron denunciados pola plataforma antitaurina polo seu tratamento das noticias sobre as touradas, perante o Colexio de Xornalistas, non se fixo público, pero a denuncia leva case un mes na institución… precisamente un destes xornalistas é o creador dunha das novas contrarias á actividade cultural do día 19.

Xenérico

Cando escoitamos aos diferentes conselleiros da Xunta de Galicia, e ao propio presidente Nuñez Feijóo falando do aforro que supón a súa xestión, e dos millóns que se están a aforrar para que os galegos poidamos ter máis recursos onde aferrarnos, sempre queda a sospeita de que se faga todo o posible.

Venden os coches a prezo de saldo, substitúen as axudas ás familias por subvencións aos centros relixiosos (e que segregan por sexo), e lanzan programas sen dotación orzamentaria, ou directamente sen saber para que servirán. Pero, do que non se decata (ou non se quere decatar) Farjas, conselleira de Sanidade e defensora da fe e da moral católicas, e do inmenso aforro que suporía apostar polos medicamentos xenéricos dunha vez por todas.

Son máis baratos, funcionan igual e ademáis non lucran as multinacionais da enfermidade. Un choio poderíamos dicír, pero para a Xunta, con facer una campaña publicitaria duns poucos euros é suficiente, porque hai que “facerlle a cama” as empresas farmacéuticas. Semella que deixan moito diñeiro na nosa terra, ¿ou non?. A situación é moi semellante á das marcas brancas de alimentación e outros usos; as grandes empresas afirman que os seus productos teñen maior calidade, pero se lles damos a volta e miramos a procedencia, todos saen do mesmo sitio, teñan máis calidade ou menos.

Por tanto, para aforrar o lóxico é apostar polos xenéricos, igual de controlados e supervisados que as “marquiñas farmacéuticas”. Agora, cada vez que vaiamos ao médico e a farmacia, pidamos o equivalente, o xenérico, e contribuamos a deixar sen poder e sen diñeiro aos especuladores da saúde, e se todavía aforramos uns cartos, moito mellor para o peto.