A botica da expresión Rotating Header Image

farmacéuticas

Ciencia infectada

Resposta ao artigo “Comerse una rata” de Jose Ramón Amor Pan, teólogo e columnista de La Coz.

En resposta ao artigo do sr. Amor, en relación aos dereitos dos animais, teño que dicir que tales afirmacións supoñen un xeito sesgado e simplista de interpretar a realidade.

Cando fala da experimentación en animais, a súa análise é certamente acientífica, invitando a pensar que a experimentación en animais non humanos é necesaria para o avance da propia ciencia e o coñecemento. Non obstante, habería que incidir na gran cantidade de erros e fracasos que tal eido acumula.

Así, podería recordalle ao señor Amor o caso do Talidomida, famoso medicamento empregado nas mulleres embarazadas para controlar as náuseas, probado en ratos e cobaias, que provocaría máis de dez mil nacementos de bebés con mutilacións. E iso que os experimentos cos animais non ofreceran problemas. Ou o Propulsid, un fármaco para tratar refluxos gástricos en poboación infantil, que provocou máis de douscentas mortes debido as alteracións cardíacas que producía. E sen embargo ningún estudo con ratos ofrecera tales complicacións.

A experimentación en animais é unha lucrativa industria que condea a millóns de animais a sufrir crueis investigacións e probas para que logo o oligopolio da saúde e da ciencia poidan obter cuantiosos beneficios e axudas estatais. Xa existen métodos alternativos e substitutivos eficaces e validados por institucións europeas, pero semella que non interesa…

A ética máis básica propugna a fin da vivisección, da crueldade enmascarada de ciencia. O sentido común é deixar de verter químicos nos ollos dos coellos, de diseccionar a cans e gatos todavía vivos, de obrigar a macacos a inxerir substáncias tóxicas. A ciencia é progreso, non reproducir sistemáticamente accións de seculos pasados.

Xenérico

Cando escoitamos aos diferentes conselleiros da Xunta de Galicia, e ao propio presidente Nuñez Feijóo falando do aforro que supón a súa xestión, e dos millóns que se están a aforrar para que os galegos poidamos ter máis recursos onde aferrarnos, sempre queda a sospeita de que se faga todo o posible.

Venden os coches a prezo de saldo, substitúen as axudas ás familias por subvencións aos centros relixiosos (e que segregan por sexo), e lanzan programas sen dotación orzamentaria, ou directamente sen saber para que servirán. Pero, do que non se decata (ou non se quere decatar) Farjas, conselleira de Sanidade e defensora da fe e da moral católicas, e do inmenso aforro que suporía apostar polos medicamentos xenéricos dunha vez por todas.

Son máis baratos, funcionan igual e ademáis non lucran as multinacionais da enfermidade. Un choio poderíamos dicír, pero para a Xunta, con facer una campaña publicitaria duns poucos euros é suficiente, porque hai que “facerlle a cama” as empresas farmacéuticas. Semella que deixan moito diñeiro na nosa terra, ¿ou non?. A situación é moi semellante á das marcas brancas de alimentación e outros usos; as grandes empresas afirman que os seus productos teñen maior calidade, pero se lles damos a volta e miramos a procedencia, todos saen do mesmo sitio, teñan máis calidade ou menos.

Por tanto, para aforrar o lóxico é apostar polos xenéricos, igual de controlados e supervisados que as “marquiñas farmacéuticas”. Agora, cada vez que vaiamos ao médico e a farmacia, pidamos o equivalente, o xenérico, e contribuamos a deixar sen poder e sen diñeiro aos especuladores da saúde, e se todavía aforramos uns cartos, moito mellor para o peto.