A botica da expresión Rotating Header Image

Parlamento

Ele

De novo a polémica máis esteril da política galega, ou polo menos, unha das máis inútiles e demagoxias da democracia. O toponimo da Coruña volve ao “tatami” da man do Partido Popular e de Unión Coruñesa, entre outros, pois unha federación veciñal tamén considera que este problema, para algúns, é obxeto dun clamor popular; eu sinceramente non penso tal.

O negativo da cuestión, e da actuación da federación veciñal é que consultaron a proposta co seu embigo. E por iso xa xurdiron 5 asociacións de veciños que rexeitan a proposta de recollida de sinaturas a prol da ele no topónimo, aquela que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza eliminou rotundamente, sentando xurisprudencia e rematando coa teima que naquel entón tivera Paco Vázquez e o LaLaLa…

Unión Coruñesa e o Partido Popular pouco teñen que comentar. Uns non teñen representación no Concello, aínda que si, e moita, nalgún medio de comunicación, como se representaran a alguén. Unha operación mediática continua dende as eleccións municipais de 2007, e que procura que entre no consistorio polo menos Carlos Marcos, ex-candidato do Partido Galeguista, agora lider indiscutible da demagoxia e o populismo local.

Os outros poucas propostas teñen, teimando coa integración das persoas residentes en Penamoa, ou mentindo sobre as propostas da Xunta, que agora que os amigos chegaron ao poder, todo se fai ben.

De momento temos unha iniciativa lexislativa popular para decidir sobre o topónimo da Coruña, é dicir, en termos democráticos e populistas poderíamos dicir que sobre o ele pode decidir un de Sarria ou outro de Vilagarcía. Necesitan 15.000 sinaturas, nada complicado vendo os requisitos en Cataluña, onde se requiren 50.000. Queda por ver que pasaría coa ILP no Parlamento de Galiza. Unha excusa perfecta do Partido Popular para asasinar definitivamente ao galego e a lexislación que o ampara.

Dende logo, esta polémica extinguíuse hai anos, e seguir co mesmo só podería ter tintes eleitoralistas e de racismo lingüístico. Non podemos permitir que a democracia ampare manifestacións alentando á subversión das leis e dos decretos aprobados soberanamente no Parlamento galego. A ILP non vai saír da rúa, porque é unha clara mostra da insumisión lexislativa dalgúns túzaros.

Cor rosa, só no papel

Unha vez máis a demagoxia e o populismo de rebaixas cae da súa posición. O pasado 16 de setembro, o Parlamento Europeo tratou, entre outros temas, unha polémica Lei que se estaba a impulsar nun antigo territorio da URSS, Lituania. Unha lei moi perigosa para as liberdades individuais e os propios Dereitos Humanos, que sinalaba directamente ao colectivo homosexual.

Como é lóxico, deceas de eurodeputados puxeron o grito no ceo, e esixiron unha resposta da Unión Europea perante a este ataque directo a parte da sociedade lituana. Ata aquí todo claro, e como a votación de castigo saíu para diante por maioría, os defensores dos Dereitos Humanos tiñan un pequeno sorriso nos seus beizos. Un bo golpe contra a homofobia.

Nas votacións non sorprendería que 18 dos 19 eurodeputados do Partido Popular votarán contra o castigo, e a min, persoalmente tampouco me sorprendeu a asbstención do upydista Francisco Sosa Wagner, máis que nada porque o seu partido practica unha política de medio de comunicación e logo no Congreso dos Deputados fai o que lle peta, usualmente ó contrario o dito. Un bo exemplo é Rosa Díez, ex-PSOE e ex-eurodeputada cun pobre balance de traballo na cámara dos 27.

A polémica saltou hoxe no diario Público, onde se facían eco do evidente malestar do movimento homosexual sobre pasada (e futura) presenza de membros de UPyD nas manifestacións do día do Orgullo Gai. É lóxico e normal que o colectivo rexeite a presenza mediática e re-buscada dos populistas, vendo a recente posición que tomou en Europa. Non teñen problemas en gastar cartos para facer pancartas moi chulas e promulgalo progresismo, e logo, nun alarde de sinceridade, a abstención aparece no seu diario de traballo.

Segundo fontes de UPyD a abstención foi froito dun problema técnico, como se fora excusa suficiente botarlle a culpa a que os 3 votóns de votación (SÍ, NON, Abstención) teñan a mesma cor. Eu, polo que podo dicir, sei que é bastante usual que nas votacións do Parlamento Europeo que algún aparello falle, pero isto non é excusa, xa que ante o erro do aparello, os eurodeputados érguense da cadeira para xustificar o voto e para ratificalo na acta.

Isto pasou precisamente o mesmo 16 de setembro noutras votacións, onde algúns erros, deron paso as explicacións de varios eurodeputados.

Non é o caso de UPyD. Unha semana despois non se pode facer tamaña tomadura de pelo; e como é ben sabido, unha acta non a van modificar sete días despois do peche; sexa como sexa UPyD, coa súa posición e falta de resposta, encubre a homofobia.