A botica da expresión Rotating Header Image

Política

Dignidade

Un 18 de Outubro, deceas de miles de persoas marcharon polas rúas de Santiago cheos de dignidade, cansos da intrasixencia dalgúns, e con moitas ideoloxías diferentes baixo os brazos.

Bloque Nacionalista Galego, Partido dos Socialistas de Galicia, Esquerda Unida e Terra Galega, entre outros, apoiaron a manifestación pola defensa da nosa língua en Santiago de Compostela, capital galega. A Policía Local cifrou en 50.000 os seres humanos que marcharon, a organización 100.000. Sexa un número ou outro, mellor poñamos unha cifra equidistante, trátase dunha novidade dos gobernos do Partido Popular, que sempre son capaces de aglutinar á sociedade galega para protestar polas súas políticas caducas e decimonónicas.

Unha praza da Quintana dúas veces ateigada, os discursos de destacadas personalidades da cultura galega, e un Avelino Pousa Antelo con moito mérito baixo o sol, e rememorando as súas conversas con Castelao. E é certo, o PPdeG sabe como enfadar á sociedade galega, as galegas e galegos que saímos neste 18 de outubro a defender a nosa língua, a defender os nosos direitos e a berrar nin un paso atrás na defensa dunha parte moi importante da nosa personalidade e cultura como pobo.

O día 18 deu igual a quen votabas e de que pao ías, todas e todos berramos polo galego, e que vaian tomando nota no Parlamento galego, a paciencia acábasenos.

Figueres en pé

Cesk Freixas é un xoven cantautor catalán, que estivo en Galiza facendo unha xira fai uns meses, en varios coñecidos Centros Sociais da nosa xeografía, e agora está a sufrir un proceso de criminalización por parte de Ciudadants e o Partido Popular de Catalunya. Ao parecer, o que prendeu esta situación é a participación nun polémico (para eles) concerto conmemorativo que tivo lugar hai unhas semanas.

O caso non sería interesante, máis do que é a actuación de dous partidos políticos, moi curiosos eles coa súa interpretación da liberdade de expresión e das libertades individuais e colectivas; volvendo ao tema. O caso é moi interesante pola suposta censura á que din que están a someter o muchimillonario Juanes en Cuba, onde acudiu a facer un concerto, pagado polo seu propio peto.

E fago unha modesta reflexión. Cesk Freixas non sae nos medios de comunicación convencionais porque, certamente, non vende tanto como outros, ou porque se sitúa nun lado da balanza. O mesmo lle pasaron a outros artistas ou grupos musicais, chamémoslle como queiran, en Euskadi, onde foron verticalmente vetados polos mesmos partidos políticos que agora queren censurar ao cantautor Freixas en Figueres.

Queda por diante que nunca foi condeado polos motivos que agora motivan a súa censura, ao revés que o Partido Popular, cunha boa recámara de fundadores, entre eles, Manuel Fraga, que derivan directamente do periodo máis sanguinolento de España, a dictadura de Franco. Pero isto semella non importar. Guste ou non a súa música, o Concello de Figueres decidiu contar con él para animar as festas da vila, cunha música, seguro, pouco convencional para as festas dunha vila. E quizais por este motivo, o PPC e Ciudadants o queiran denostar; porque Carlos Baute canta nun perfecto español, vende máis discos e é música pop. Freixas non, a música comercial si.

Non entendo os motivos que provocan que certas bestas políticas protesten agora e non antes, porque o rapaz non naceu agora nen comezou a cantar agora. Quizais teñan que procurar novas excusas, ou un Soziedade Alkoholica II para manter o estado de histerismo social que nos ten acostumados a dereita. As escoitas ilegais acaban, e hai que sacar novos motivos de batalla á palestra.

Tamén é significativo que só protestaran dous partidos; ERC, CIU, PSC ou ICV, todos presentes no Parlament de Catalunya, non teñen problema en que “cantautorize” en Figueres. ¿Onde está o problema entón?

Onte foi o concerto, ao redor de mil persoas compartiron espazo con Freixas, e o Festival Acústica foi de novo un éxito. Grazas PP e Ciudadants.