A botica da expresión Rotating Header Image

popular

E non marcha…

Hoxe Ric fixo declaracións aos medios, pero declaracións de verdade; perante xornalistas de carne e oso, e non como fixera Mariano Rajoy días antes cunha rolda de prensa enlatada.

E básicamente a nova é sinxela e directa: Ric non quere marchar, non ten problema en asumir que él é omnipresente no Partido Popular de Valencia, e como membro destacado das cortes valencianas. E non fixo nada mal, segundo él mesmo, e se o fixo, coma puñalada cara arriba, é cousa dos demais, dos que mandan e pensan nese entramado chamado Partido Popular, cuxas enrevesadas “polas” chegan a Galiza, Madrid e prometen tocar outros territorios.

Tempo pasou dende as “declaracións de verán” da secretaria xeral, De Cospedal, nas que cargaba contra o propio Estado de Dereito e as bases democráticas ao acusar a un goberno lexítimo (isto soa de tempos antigos) de manipular ao poder xudicial, teóricamente consagrado como independiente. Agora a cousa mudou cos miles de papeis resultantes do levantamento parcial do secreto de sumario da trama Gürtel. Agora xa hai movementos, mellores ou peores…

Tres deputados que deixan o Partido Popular de Madrid, e auguro nun futuro próximo a súa volta ao redil; sedes galegas dos dereitistas financiadas e coas contas infladas coa Xunta de Fraga polo medio, traseiras que se tornan en reloxos e coches de luxo, representantes dos cidadáns nas Cortes Españolas baixo sospeita, e finalmente Camps e Ric coa merda ata o pescozo pero sen sentir o “tufe” que xa poden desfrutar coa boca.

Chegarán as eleccións municipais e todavía gañará a dereita mangante, esa opción política alternativa ao actual goberno e que de seguro saberá administrar mellor o noso diñeiro. Porque a cuestión non é a trama, senón que esta xente controla diñeiro público, invertido agora en paraísos fiscais, outrora capital de todos.

Figueres en pé

Cesk Freixas é un xoven cantautor catalán, que estivo en Galiza facendo unha xira fai uns meses, en varios coñecidos Centros Sociais da nosa xeografía, e agora está a sufrir un proceso de criminalización por parte de Ciudadants e o Partido Popular de Catalunya. Ao parecer, o que prendeu esta situación é a participación nun polémico (para eles) concerto conmemorativo que tivo lugar hai unhas semanas.

O caso non sería interesante, máis do que é a actuación de dous partidos políticos, moi curiosos eles coa súa interpretación da liberdade de expresión e das libertades individuais e colectivas; volvendo ao tema. O caso é moi interesante pola suposta censura á que din que están a someter o muchimillonario Juanes en Cuba, onde acudiu a facer un concerto, pagado polo seu propio peto.

E fago unha modesta reflexión. Cesk Freixas non sae nos medios de comunicación convencionais porque, certamente, non vende tanto como outros, ou porque se sitúa nun lado da balanza. O mesmo lle pasaron a outros artistas ou grupos musicais, chamémoslle como queiran, en Euskadi, onde foron verticalmente vetados polos mesmos partidos políticos que agora queren censurar ao cantautor Freixas en Figueres.

Queda por diante que nunca foi condeado polos motivos que agora motivan a súa censura, ao revés que o Partido Popular, cunha boa recámara de fundadores, entre eles, Manuel Fraga, que derivan directamente do periodo máis sanguinolento de España, a dictadura de Franco. Pero isto semella non importar. Guste ou non a súa música, o Concello de Figueres decidiu contar con él para animar as festas da vila, cunha música, seguro, pouco convencional para as festas dunha vila. E quizais por este motivo, o PPC e Ciudadants o queiran denostar; porque Carlos Baute canta nun perfecto español, vende máis discos e é música pop. Freixas non, a música comercial si.

Non entendo os motivos que provocan que certas bestas políticas protesten agora e non antes, porque o rapaz non naceu agora nen comezou a cantar agora. Quizais teñan que procurar novas excusas, ou un Soziedade Alkoholica II para manter o estado de histerismo social que nos ten acostumados a dereita. As escoitas ilegais acaban, e hai que sacar novos motivos de batalla á palestra.

Tamén é significativo que só protestaran dous partidos; ERC, CIU, PSC ou ICV, todos presentes no Parlament de Catalunya, non teñen problema en que “cantautorize” en Figueres. ¿Onde está o problema entón?

Onte foi o concerto, ao redor de mil persoas compartiron espazo con Freixas, e o Festival Acústica foi de novo un éxito. Grazas PP e Ciudadants.

Ás veces escoito… ¿cousas?

Seis de agosto, mísil informativo da boca da Secretaria Xeral do PP, parece ser que segundo María Dolores de Cospedal a policía xudicial e outros corpos e forzas de seguridade do Estado, incluíndo autoridades xudiciais teñen “picados” algúns dos teléfonos dos ppopulares.

A día de hoxe, cinco xornadas despois das explosivas acusacións, o Partido Popular e a súa secretaria xeral están a destacar por presentar probas, non, perdón, por non presentalas. Nin texto, nin audio nen video. Non hai nada que probe as supostas grabacións de conversacións. Igual que tampouco existe ningunha denuncia en comisaría, xulgado ou entidade asimilable por parte deste partido político. Unha vez máis, a táctica de “enmerdar que algo queda” parece ser a tónica xeral dunha formación caracterizada polo tremendismo.

E, por certo, en Palma de Mallorca detiveron novamente a cargos do Partido Popular pola construcción dun velódromo, unha construcción un tanto escura e que non se sabe moi ben porque cun presuposto inicial de 50 millóns de euros, a cifra duplicóuse ó final.

Unhas declaracións tóxicas, nun marco incomparable, Marbella; porque De Cospedal non descansa nin de vacacións. Falo de marco incomparable porque con segundas interpretacións, Marbella é a capital europea da corrupción e do urbanismo salvaxe, aquel que a Xunta de Galicia renovada tralas eleccións, pretende fomentar ou canto menos permitir.