A botica da expresión Rotating Header Image

taurina

Vangarda

O venres pasado e durante esta semana as persoas que cremos que as touradas non teñen sentido en pleno século XXI, tivemos en Catalunya, unha das maiores alegrías dos últimos anos. O Parlament rexeitaba as enmendas á totalidade presentadas por Ciudadants, o Partido Popular de Catalunya, e o PSC, esa versión catalana-descafeinada do PSOE, a proposta popular seguía cara diante.

Os artifíces da iniciativa son 180.169 persoas. Os firmantes dunha Iniciativa Lexislativa Popular que contou con 880 fedatarios, as persoas encargadas de recoller as sinaturas e validalas no momento mediante a revisión do DNI do “firmante”. Era a primeira vez que unha proposta tan multitudinaria sobre a tauromaquia chegaba a unha cámara autonómica.

Dende Galicia, Mellor Sen Touradas, na outra beira do territorio español, e pasando polas comunidades máis rancias do Estado, ofrecíase a visión dos abolicionistas galegos na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Houbo ata un debate case simultaneo coa votación da ILP no Parlament.

A pesares da axustada votación, as enquisas otorgan unha maioría aplastante ás persoas que non queren ver como outros seres humanos teñen a liberdade, e recalco liberdade, para ver como se tortura e martiriza a un animal. Recalco esa curiosa verba porque é un dos argumentos máis manidos polos afecionados e a industria taurina, unha suposta liberdade para poder ver como torturar animais nun espazo privado.

A liberdade e o anti-españolismo, como se todas as enquisas que fixeron medios como El inMundo, La sinRazón, La Coz de Galicia, La Opinión, etc etc foran de tendencia nacionalista histórica; porque hai que saber diferenciar que defender unha tradición centralizadora como é a tauromaquia, vinculada só a determinadas comunidades, tamén é un exercicio de nacionalismo. Pero o debate é sobre protección animal.

Non podemos vincular ao movemento antitouradas co debate nacionalista; pode haber parte dos antitaurinos que sexan nacionalistas e que rexeiten este espectáculo por motivos políticos. Pero ao final, a verdadeira análise que se ten que facer é que cada ano tortúranse máis de 40.000 animais, que os gandeiros de lidia recibiron 220€ por cada guiñapo, e que os festexos subvencionaronse co noso diñeiro.

O argumento artístico

Na industria taurina está a florecer un novo argumento, mellor dito, a reverdecer un novo argumento que se basea na suposta concepción artística da tauromaquia.

Como é ben sabido, a tauromaquia goza dunha protección moi ampla en España, e cun colaboracionismo tal que a propia Academia das Belas Artes inclúe nas súas medallas anuais a un martirizador de animais, ou sexa, un toureiro.

Este argumento saiu da boca dun membro da peña taurina da Coruña, aquela institución tan antiga que apenas supera os 300 membros, toda unha mostra da grande afeción das touradas en Galiza. Ben, volvendo o argumento; segundo Mariñas, o que nos molesta os antitaurinos é que a tauromaquia sexa considerada unha arte, e que dera, o longo dos séculos, pé a creación de arte, sexa literaria, pintura ou outros soportes.

Cando escoitei o argumento, non sei moi ben que sentido tiña, ata que lle din voltas. Eu non puiden contraargumentar, porque no momento da súa intervención non tiña acceso telefónico á radio. ¿Por qué, vos preguntaredes? Pola sinxela razón de que non quixo debater, só quixo que se fixeran duas entrevistas por separado e primeiro eu, para non deixalo quedar mal…

O argumento artístico supón un grande menoscabo o conxunto das artes e da creación artística de moitos lugares. Que un escritor ou pintor se inspirase nunha tortura concreta dun ser vivo para facer X libro ou Y cadro non ten relación algunha con que tal festexo sexa mellor ou peor, porque seguirá sendo igual. A mellor maneira de contraargumentar é baseandose nos seus mesmos postulados, ¿cómo?

De forma moi sinxela. Existiron multitude de atrocidades ao longo da Historia. A inquisición inspirou un numero incrible de obras pictoricas; a sociedade volcábase nas rúas cando sabían que ían queimar vivo a un herexe.

Por outra parte, importantes artístas como Dalí, eran auténticos monstruos na súa privacidade; gustáballe manter relacións sexuais con animais mortos, unha auténtica aberración aos nosos ollos, e tamén a ollos dos seus contemporáneos. Nembargantes, era un pintor exclente ¿xustificaríamos a súa depravación como fan algúns coa tauromaquia? Dubidoo moito.

A tauromaquia sexa considerada por unha institución arte ou non, seguirá sendo o mesmo; a sangue non cambia de cor, e o que sufre sempre é o mesmo. Un sufrimento lúdico é amoral dende a súa base, pero o pensamento dalgúns seres humanos todavía non está preparado para pasar o seguinte estado. Como dicía Piaget, no pensamento e na forma de actuar existen desfases; o que ocorre cos afecionados podería ser un exemplo tirado dos pelos… A min precisamente, o argumento artístico non me molesta, síntoo polo touro, non polo pseudo-intelectualismo.

“¿Están tontos?”

Hoxe, hai uns minutiños tiven unha entrevista para Radio Coruña / Cadena Ser. Hay que dicir que en realidade a proposta deste medio era realizar un debate sobre as touradas na Coruña, pero a outra parte, encarnada polo presidente da peña taurina, o Sr. Mariñas rexeitou o convite.

Así que co debate reconvertido en dúas entrevistas, comecei eu. Falei da tradición, dos estudos realizados por consultoras como Gallup ou Ipsos, da suposta afeción á feira taurina da Coruña. O conductor do programa Hoy por Hoy preguntoume sobre a suposta desaparición dos touros se a tauromaquia era abolida. Contestei brevemente: os linces ibéricos e as águías reais non se maltratan para conservar e evitar que desaparezan, e ademais, se non lles interesaba conservalo touro era porque simplemente querían o diñeiro. Unha falacia máis resolta.

Uns dez-doce minutiños de entrevista superficial, con algún dato moi esclarecedor e que saíu pouco nos medios: a feira taurina da Coruña, na súa edición de 2008 só conseguiu vender o 55% do aforo disponible. Por suposto datos reais da Concellaría de Festas (a do Sr. Garcés).

Cando lle tocou o turno ó taurino, as súas primeiras verbas foron, “es peña taurina de LA Coruña”. Neste instante comprendin con quen trataba, un afecionado do vazquismo. Seguiu coa súa conversa falando dos conceptos de tradición, cultura ou belas artes, conceptos que non nego para nada, pero que é complicado axustalos á actividade taurina.

Falou do respeto, e segundos despois !!chamoume tonto¡¡. Non sei moi ben porque, porque non o insultei no meu tempo nen dixen nada irreal. Ademais apoieime en datos certos, de empresas que traballan en estudos de mercados e enquisas… Dubidoo que tivera máis argumentos.

Pode ser a falta de argumentos, de datos, a que lle fixo dicir que había 300.000 empregos relacionados coa tauromaquia; algo que non sae en ningunha enquisa do INEM, ou que a tauromaquia era o segundo espectáculo de masas, con 60 millóns de afecionados. Os mesmos entendo que non van á feira taurina da Coruña; ou os miles de persoas que van aos concertos deste ano no Noroeste Pop-Rock, guste ou non o cartel…

Eu quedo coa miña entrevista, souben falar do que nos atinxe a nós: a tauromaquia é un acto vil e cruento, propio do XVIII,  e cos días contados. Contra isto, non hai argumento que funcione.