A pasada semana unha nova espertou un positivo interese nos medios de comunicación. Tratábase do lanzamento da campaña "Queres declarar a túa vila abolicionista?", idea da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, que concentraba no seu primeiro día de vida a presentación de mocións contrarias á barbarie taurina en 19 concellos galegos.
Xa pasaron 12 días dende a presentación da campaña e do "boom" mediático, e xa son 25 os concellos que recibiran unha moción no rexistro municipal, como adiantaba o xornal Público nunha entrevista a un membro da organización abolicionista galega.
Hoxe a nova é moi positiva, como informa La Coz de Galicia e o medio taurino Burladero. Trátase da primeira moción contra as touradas presentada nun concello por parte dunha formación política, unha iniciativa auspiciada pola formación Alternativa Canguesa de Esquerdas, que levara a proposta de Galicia, Mellor Sen Touradas ao seguinte pleno do concello de Cangas con algunhas modificación segundo puiden coñecer...
ACE goberna en coalición co Bloque Nacionalista Galego e o PSdeG-PSOE, e a situación na vila non é moi estable despois de toda a revolta co gallo das obras e do porto cangués. Sen embargo a proposta ten que continuar (the show must go on!) e ten que aprobarse, pois de facelo, sería o primeiro concello galego oficialmente contrario ás touradas, despois de que o alcalde de Monforte rexeitara debater a iniciativa, nun intento por contentar ao lobby taurino.
Os artifíces da iniciativa son 180.169 persoas. Os firmantes dunha Iniciativa Lexislativa Popular que contou con 880 fedatarios, as persoas encargadas de recoller as sinaturas e validalas no momento mediante a revisión do DNI do "firmante". Era a primeira vez que unha proposta tan multitudinaria sobre a tauromaquia chegaba a unha cámara autonómica.



