A botica da expresión Rotating Header Image

xornal

Rebumbio do mes

Todavía non remataron os exames, e A Botica da Expresión anda máis orfa do normal. Nesta semanas de estudo aconteceron moitas cousas. En primeiro lugar, a declaración de Cangas como primeira vila de Galiza contraria aos festexos taurinos, sen dúbida un paso moi potente do movemento abolicionista galego.

Outra nova que me sorprendeu será ler a Chomsky cada mes nun coñecido xornal, o diario Público; sen dúbida unha das persoas máis críticas co seu propio país e cos seus gobernantes e sistema. Un dos expertos cidadáns, sen moitas cavilacións. Por certo, o sábado o mesmo xornal ofrece a súa obra “Utopía”, que eu non deixaria escapar.

Ao señor Aznar as cousas non lle pintan tan ben, despois de que a Xustiza anunciara que investigará ao seu antigo goberno popular por financiar, supostamente, a un grupo de presión co obxetivo de que lle otorgaran a medalla de ouro do Congreso dos Estados Unidos. Eu temía que non quixera quedarse nas Azores, aprendendo inglés e italiano, e por desgracia nosa, puido ocorrer que dera diñeiro da cidadanía para aumentar a estantería dos trofeos, xunto coa resolución da ONU e o Iraq.

Sen dúbida o filme do mes é To Shoot an Elephant, un documentario nada corrente sobre a invasión de Gaza, por parte do estado de Israel. Xusto poucos días antes de que o propio goberno (terrorista) admitira que empregou fósforo branco. Tamén é interesante ver “Gaza: War in Media“, que emprega material do filme de Alberto Arce e Mohammad Rujailah e enfoca a situación dende o punto de vista dos medios de comunicación, os mass media e a demagoxia dalgúns.

Pero tamén estaremos atentos para ver como remata a polémica do decreto pluri-maxi-hiper-lingüístico. Pois eu penso que mellor que a língua inglesa, habería que aprender chinés, idioma en expansión e próximo idioma dos negocios no mundo. Sigo co estudo…

O neoliberalismo cultural

Algúns xornais autoconsiderados galegos teñen na súa plantilla unha serie de persoas que dificilmente entrarían na definición de seres humanos normais. Son seres humanos alleos á coxuntura económica e que aproveitan calqueira movemento, por cutre que pareza, para alabar sen tapuxos a un goberno, o actual da Xunta de Galiza, que non se está a destapar como austeiro precisamente.

Falo dunha columna dun catedrático de Dereito Constitucional nun coñecido xornal, moi vendido e moi subvencionado, por certo; e que daría moito que falar se tiveramos que atinxirnos ás desproporcionadas axudas que reciben certos medios de comunicación para promocionar a lingua galega, e que logo quedan na portada traducida o Día das Letras Galegas ou en incluír un tradutor automático (e bastante malo) na súa páxina web.

A teórica suspensión do concerto de U2 en Vigo, co estadio de Balaídos como escenario da xira 360º Tour do grupo de Bono, fai a ledicia dos neoliberais, tan preocupados polo gasto público, máis preocupados polo interese persoal.

Un concerto que custa tres millóns de euros, como comenta o señor Blanco Valdés é efectivamente un gasto moi grande de diñeiro público, pero é complicado que este profesor de universidade poida centrarse no aspecto socioeconómico que supón unha manifestación musical desa categoría, e as repercusións positivas que podería ter para Galiza albergar un concerto que agora acabará en Donosti con toda probabilidade. O diñeiro pódese acadar con patrocinios, coa venda de entradas e de mil formas distintas sen ter que calificalo de despilfarro e sen ter que asumilo, por suposto a Xunta. Outra cousa sería que dito concerto servise como plataforma de difusión do Xacobeo2010 que creo era a intención do anterior goberno que asinou o pre-acordo.

Pero falando de gastos superfluos, molestame moito que os neoliberais culturais non ataquen ao festexo máis subvencionado de todos, e que en Galiza leva uns cantos miles de euros: as touradas. Este 2009 a tauromaquia na Coruña supuxo o 10% do presuposto das festas de Maria Pita, e só albergou a 11.000 persoas, polo case millón de cidadáns que pasaron pola Coruña durante o periodo das festas. Un 10% do diñeiro por ao redor dun 1% da asistencia. Un auténtico e claro caso de neoliberalismo aplastante. Unha subvención a fondo perdido que Blanco Valdés nen o seu xornal mencionan nunca, e que supón un pitorreo aos cidadáns; e iso todavía sen falar do que supón maltratar a un ser vivo por divertimento.

Veleno na tinta

Recentemente o xornal de pago con máis tirada de Galicia, publicou unha enquisa realizada pola consultora Sondaxe, sobre a opinión dos votantes galegos con respecto ao goberno do Partido Popular.

Nótabase un titular enorme, no cal, se anunciaba que a maioría dos votantes (unha maioría que incluía a votantes do PSdeG-PSOE e do Bloque Nacionalista Galego), aprobaba o novo goberno. A pesares de que, na miña opinión, o goberno se limitase a exercer como unha xestoría (como dí hoxe en El País, Xose M. Pereiro). Só hai diñeiro para algúns, como os clientilismos que se denunciaron nas axudas do IGAPE, ou as axudas á patronal, no canto de ofrecelas aos verdadeiros perxudicados pola epidemia económica chamada crise.

Volvendo ao inquérito, e a aprobación dos votantes, os titulares deste medio sempre adoitan ter un doble sentido, ou un mal uso das matemáticas. En realidade non era sesenta e algo por cento, senón que xa descendía a case a liña da maioría, en torno ao 55-60%, pero isto xa aparece no corpo da nova, nen titulares nen subtítulos ou antetítulos; iso xa non compensa.

Claro, os columnistas frotaron as mans, e viron a ocasión de felicitar ao seu ilustrísimo presidente, previo paso polo despacho do xefe, “non vaia ser que se nos cole unha crítica” pensaría. O mesmo día da presentación da enquisa nunha flamante portada lustrosa e sen tapuxos, as columnas orientaron as súas verbas cara a Feijoó. Alabanzas, felicitacións, e pasadas de rosca en xeral.

Cabería aclarar que o medio citado é La Voz de Galicia, e a empresa á que encargou a enquisa, Sondaxe, pertence ao mesmo grupo que o citado diario. Isto podería dar a entender que non existe unha independencia entre empresas, e certo é. Non me cabe dúbida algunha en que Sondaxe traballa de acordo á xoia da coroa do Grupo Voz, pois é o baluarte; ningunha outra empresa editorial é capaz de igualdad a súa distribución…

Por algo será que o medio sempre se sitúa á dereita do Partido Popular. A estas alturas non podemos pensar que é un medio imparcial, porque é evidente que non.

Todavía teremos que ver se o inquérito tería os mesmos resultados en mans doutra consultora, ou se sería necesaria a intervención da Consellería de Educación, que xa ten experiencia en demagoxia á carta. Ou non?